O Concello envía desde esta semana a comunicación oficial ós propietarios de edificios obrigados a pasar a ITE

Mércores, 26 de setembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo advirte de que esa é a única comunicación oficial que recibirán os veciños e anuncia unha queixa formal ós Colexios profesionais porque algúns profesionais ofrecen os seus servizos para facer a inspección dos edificios facendo un uso indebido do logotipo do Concello

O Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez, anunciou hoxe que o Concello comeza esta semana o envío das comunicacións oficiais ós propietarios de inmobles que están obrigados a facer a Inspección Técnica de Edificios.

O Concelleiro destacou que esta carta que vai remitir o Concello é a única comunicación oficial que recibirán os veciños afectados pola obriga de pasar a ITE.

Luís Álvarez explicou que se ten detectado que algúns profesionais ou empresas están a enviar ós domicilios dos propietarios de edificios que teñen que facer a ITE neste ano unhas notificacións nas que figura o logotipo do Concello, o que puidera dar lugar a que os veciños que as reciban interpreten que se trata dunha comunicación oficial, cando non é así.

Álvarez manifestou que a administración municipal comunica a obriga de pasar a ITE pero non informa de con quen se ten que levar a cabo esa inspección.

Por este motivo, o Concelleiro de Urbanismo anunciou que o Concello enviará unha queixa formal ós Colexios profesionais para advertir desta práctica.

Álvarez explicou que este ano serán arredor de 1.200 os edificios que deben facer esta revisión. Concretamente, trátase dos edificios que foron construídos entre os anos 1966 e 1972.

Máis información da Inspección Técnica de Edificios.

Noticias relacionadas