O Concello engrosa o seu patrimonio en 368.000 € coa incorporación de 8 bens procedentes de embargos por impago de tributos

A Xunta de Goberno Local autorizaba hoxe a operación contemplada no regulamento de recadación por vía executiva.

As propiedades adxudicadas son 5 locais, 2 prazas de garaxe e unha parcela de 480 m² nas Gándaras.

 
Mércores, 09 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello engrosa o seu patrimonio en 368.000 € coa incorporación de 8 bens procedentes de embargos por impago de tributos

O Concello de Lugo incrementará o seu patrimonio en 368.035 euros.

Unha cantidade que, se ben, non ingresará en efectivo si se incorporará ao conxunto de propiedades que son titularidade da institución local a través do procedemento de adxudicación de bens ao ente acredor.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que a Xunta de Goberno celebrada esta mañá autorizou a entrega, a favor da administración local, de 5 locais, de diferentes dimensións e ubicados en distintos puntos da cidade, dúas prazas de garaxe así como unha parcela de 480 m² nas Gándaras.

“Todos eles son bens que foron embargados no seu día a persoas físicas ou xurídicas, é dicir, a particulares e empresas, que contraeron unha débeda co Concello polo impago de tributos e que, agora, o Concello se adxudica en pago da mesma”, referiu.

A responsable da área económica sinalou que se trata dun procedemento regrado, recollido no regulamento xeral de recadación e comprendido dentro da vía executiva que cursa a Tesourería Municipal e que se constitúe como un recurso legalmente previsto para os organismos públicos cando esgotan o resto de mecanismos habilitados para o cobro de taxas e impostos, entre outros cargos.

“Dáse a circunstancia de que, nesta ocasión, aproveitamos para resolver e concluír, así, a tramitación dun total de 8 expedientes que acumulaban un endebedamento continuado, incluso durante décadas, por gravames como o IBI, o IAE, a Plusvalía, multas e sancións ou o recibo da auga, por importes que van dende os 3.716 € do menos oneroso, aos 41.589 € no caso do que acumula maior saldo”, abondou Paula Alvarellos.

A concelleira indicou tamén que estes 8 casos alcanzaron a derradeira fase do proceso, a da adxudicación ao ente acredor, logo de que a súa poxa e adxudicación directa quedasen desertas e, tras escrituralos no Rexistro da Propiedade, pasarán a engrosar o patrimonio municipal quedando a disposición dos usos nos que poidan derivar.

Por outra banda, na sesión desta semana da Xunta de Goberno, o executivo procedeu a autorizar tamén 3 licenzas urbanísticas para realizar cambios na distribución interna dunha nave para corte libre de leite en San Xoan do Campo (241.740 €), para acometer a restruturación parcial do forxado dun inmoble na Praza Mártires de Carral (18.550 €) e para realizar un parcelamento na parroquia de Teixeiro.

Noticias relacionadas