O Concello enche de contidos o Vello Cárcere

O novo centro cultural acolle dende a súa apertura concertos, conferencias, presentacións de libros, como o de esta tarde sobre a historia do Cuartel de San Fernando, e un ciclo de cinema, ademais de ofrecer visitas guiadas

Está aberta a exposición Unha Cárcere, unha porta e un xardín e o 28 de abril inaugurarase outra mostra sobre a memoria histórica da prisión. O día 29 haberá unha visita guiada por ambas

A Concelleira de Cultura xestiona a implantación dunha Escola Municipal de Teatro, o Centro de Estudos da Cidade, un ciclo anual de actividades coa ARMH, un Coro do Cárcere e a cesión de espazos a artistas para traballo e exposición

Xoves, 20 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo enche de contidos culturais o Vello Cárcere dende a súa apertura e está a xestionar novas iniciativas para implantar de xeito permanente no centro cultural, segundo explicou este xoves a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, na Comisión Permanente de Cultura, formada por todos os grupos da Corporación, previa ao Pleno ordinario do día 27. Basadre lembrou que o Vello Cárcere acolle concertos, ensaios da Lugo Camerata, conferencias, presentacións de libros, como o de esta tarde sobre a historia do Cuartel de San Fernando obra do profesor lucense Francisco Xabier Louzao Martínez, e un ciclo de cinema, ademais de ofrecer visitas guiadas.

Na actualidade, na parte baixa, está aberta ao público a exposición Un Cárcere, unha porta e un xardín, e estase a montar dende onte outra mostra sobre a memoria histórica da prisión. Será inaugurada o vindeiro venres día 28 nun acto que contará coa presenza de familiares de persoas presas no que hoxe é o Vello Cárcere. O día 29 haberá unha visita guiada por ambas exposicións.

A rehabilitación da prisión está a ter unha extraordinaria acollida tanto por parte dos lucenses, como de persoas chegadas doutros lugares, tal e como quedou de manifesto na Semana Santa, durante a que pasaron polo centro máis de 1.500 persoas.

Novas iniciativas

Así mesmo, a Concelleira de Cultura anunciou na Comisión que está a xestionar varias iniciativas para o Vello Cárcere que fructificarán nos vindeiros meses, como son a implantación dunha Escola Municipal de Teatro; un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para trasladar alí o Centro de Estudos da Cidade, que ademais de dinamizar o centro histórico, contribuirá a avanzar na candidatura para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; un convenio coa Asociación de Rehabilitación da Memoria Histórica (ARMH) para ofrecer un ciclo anual de actividades; e a creación dun Coro do Cárcere para rapaces de entre 8 e 16 anos de idade. Así mesmo, Basadre traballa na posibilidade de ceder aos artistas espazos no Vello Cárcere para traballar, nas celdas de homes, e para expoñer, na parte de arriba, un proxecto para o cal será preciso elaborar unhas bases reguladoras.

Na Comisión de Benestar e Cultura celebrada esta mañá, Carmen Basadre explicou tamén aos grupos da oposición o procedemento contractual seguido para poñer en funcionamento o Vello Cárcere. Tratouse dun contrato menor por importe de 21.550,29 euros.

A Concellaría invitou a través de Internet a empresas de xestión cultural e pediu difusión á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Presentaron proposta tres firmas, Serviplus Total, A Ferretería e Allentum. Esta última foi a adxudicataria por presentar a oferta máis vantaxosa economicamente para o Concello, como establece a Lei de Contratos do Sector Público.

Atenden o centro tres persoas: un técnico especializado en servizos audiovisuais (para o cal se pediu FP en grao superior no ámbito audiovisual), unha persoa para recepción, información e atención telefónica e telemática, e un guía (para o que se requiriu formación superior e experiencia como guía de exposicións). A preguntas da oposición, Carmen Basadre indicou que o Concello estudou a posibilidade de cubrir estes postos con persoal municipal, pero non foi posible ante a inviabilidade de crear novas prazas debido á Lei de Racionalización.

Na actualidade, a entidade local está a elaborar o prego de condicións para sacar a licitación o servizo de atención do Vello Cárcere.

Audio

Noticias relacionadas