O Concello educa en igualdade ao alumnado da ESO dos distintos institutos de Lugo

Cinco persoas expertas en igualdade serán as encargadas de conducir un obradoiro con tres sesións con cada grupo de alumnado participante, aplicando unha metodoloxía basada na reflexión, participación e experimentación

Entre os resultados do pasado ano, o programa salienta que 4 de cada 10 rapaces e rapazas non perciben como acoso e control difundir imaxes ou vídeos da súa parella por internet ou a través do móbil sen o seu consentimento

Xoves, 30 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
P8301367

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, acompañada do Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e a pedagoga da Casa da Muller, Belén Regueiro, presentou este xoves o Programa socioeducativo de prevención da violencia de xénero, que o Concello levará a cabo o vindeiro curso en distintos institutos de Lugo.

Na presentación, ambos os dous edís puxeron en valor esta ferramenta para educar aos nenos e nenas, entre 1º e 4º da ESO, en igualdade e libres de estereotipos de xénero.

Tal e como explicou Abelleira, no desenvolvemento das actividades, os contidos versarán tanto sobre valores relacionados coa igualdade de xéneero, como de utilidade para a vida cotiá e as relacións interpersoais, introducindo no proxecto educativo a socialización nos afectos e na convivencia, favorecendo as relacións baseadas na igualdade, unha boa autoestima e a adquisición de capacidades para analizar as súas propias emocións e os conflictos.Tamén se traballará sobre o desenvolvemento das identidades non sexistas e de que maneira estas resultan fundamentais para atallar a problemática da violencia machista; así como sobre a percepción que teñen da vulnerabilidade dalgúns colectivos ante a violencia de xénero, e estereotipos sobre os agresores e as mulleres en situación de machismo.

Cinco persoas expertas en igualdade serán as encargadas de conducir un obradoiro con tres sesións con cada grupo participante (en total 100 sesións de 50 minutos), aplicando unha metodoloxía de traballo basada na reflexión, participación e experimentación por parte do alumnado. Anteriormente cumprimentarán un cuestionario inicial online para coñecer a opinión, actitudes e coñecementos sobre a materia na que se vai traballar.

Obxectivos do programa

Os obxectivos específicos son os seguintes:

  • Favorecer no alumnado a construción dunha identidade non sexista e non violenta, provomcendo a adquisición de recursos persoais que favorezan a construción de relacións igualitarias, e visibilización dos colectivos LGTBIQ e a súa diversidade.
  • Educar en valores como a igualdade, o respecto e a convivenica, dando ferramentas para axudar a mozos e mozas a ser conscientes do seu proceso de desenvolvemento e construción persoal libres de estereotipos de xénero.
  • Educar na intelixencia emocional e social, aprendendo a construír relacións basadas na empatía, no diálogo e na cooperación, xestionando os conlitos dunha forma constutiva, con iniciativa e pensamento crítico.
  • Traballar a prevención e a identificación da violencia de xénero, especialmente aquela de baixa intensidade e visibilizar os colectivos de mulleres en situación de maior vulnerabilidade.
  • Facilitar a desmitificación do amor romántico, establecendo os límites entre o aceptable e o non aceptable

Principais resultados do pasado ano

O pasado ano, segundo indicou Núñez, neste  programa participaron ao redor de 600 alumnos e alumnas dos institutos Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana e Xoán Montes; realizándose tamén actividades formativas sobre iguadlade de xénero nos colexios de Casás, Illa Verde e no instituto Ánxel Fole.

Entre os principais resultados do pasado ano, este programa salienta que a metade das rapazas opina que por natureza as mulleres están predispostas para ser nais (1º ESO),  e que case 4 de cada 10 rapaces e rapazas non perciben como acoso e control difundir imaxes, vídeos ou conversas da súa parella por internet ou a través do móbil sen o seu consentimento (3º ESO).

Audio

Documento

Noticias relacionadas