O Concello edita un libro sobre a toponimia do municipio

O acto de presentación desta publicación, escrita polo mestre Carlos Vázquez, terá lugar mañá mércores, a partir das 20:00 horas no Auditorio do Vello Cárcere

Martes, 12 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, organiza mañá mércores, 13 de setembro, a presentación do libro Toponimia, escrito polo mestre Carlos Vázquez. Será a partir das 20:00 horas no Auditorio do Vello Cárcere.

Para a edil, trátase "dun libro esencial, que estuda a rica toponimia do Concello, e que diluce as súas etimoloxías, facéndonos saber máis destes nomes da terra, que teñen que ver coas persoas que a habitaron e que a habitamos hoxe".

O libro Toponimia, editado pola entidade local, é a tese de doutoramento de Carlos Vázquez, e vén encher un gran baleiro na bibliografía sobre Lugo, pois ata o momento o municipio carecía dun estudo de conxunto dos nomes dos lugares do seu extenso territorio municipal. Case catrocentos topónimos da cidade e das parroquias son estudados, documentados e cientificamente dilucidados por un lucense de adopción, nativo de Monterroso, que ten ofrecido xa outras notables contribucións neste importante eido do saber histórico e filolóxico.

Noticias relacionadas