O Concello e a Deputación promoven o deporte co III Torneo Lugo é Basket

A cita deportiva terá lugar a vindeira fin de semana no Pazo dos Deportes e reunirá a tres equipos da LEB Ouro como son o Cafés Candelas Breogán, o Quesos Cerrato Palencia e o Melilla Baloncesto

Luns, 12 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e a Deputación promoven o deporte co III Torneo Lugo é Basket

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o Presidente do Café Candelas Breogán, Jesús Lázare, o adestrador do club celeste, Natxo Lezkano, e o responsable da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, organizadora do torneo, Rubén Engroba, presentaron este luns a terceira edición do Torneo Lugo é Basket, que se disputará os días 16, 17 e 18 de setembro no Pazo dos Deportes e que reunirá sobre o pavillón lugués ao Cafés Candelas Breogán, ao Quesos Cerrato Palencia e ao Melilla Baloncesto. O Concello e a Deputación colaboran na organización deste torneo.

Miguel Fernández agradeceu a organización deste evento, “posto que estamos ante un dos torneos de referencia na pretempada para os equipos da LEB Ouro. Este ano, como no anterior, serve de presentación do equipo da nosa cidade e da provincia, así como ante todos os afeccionados. Nesta edición, o Breogán medirase cos dous equipos que o ano pasado conseguiron o ascenso deportivo á ACB, polo tanto, cos dous mellores clubs da tempada 2015-2016. Con estes alicientes, desde o Concello desexamos que a afluencia de público estea acorde coa categoría dos contendentes”.

Pola súa parte, Rivera Capón sinalou que “esta cita deportiva reunirá na nosa cidade a tres equipos da elite do baloncesto nacional, promovendo o deporte na provincia e facendo posible que os afeccionados lugueses poidan gozar durante a fin de semana dalgúns dos xogadores de referencia da categoría LEB Ouro. Ademais, tamén servirá como posta de largo do Breogán diante da súa afección, polo que agardamos que o Pazo dos Deportes se vista de gala e a cita se converta nunha festa do baloncesto”.

O torneo terá formato de triangular, disputándose o primeiro encontro o venres 16 ás 20:45 horas. Este encontro enfrontará ao Quesos Cerrato Palencia e ao equipo anfitrión, o Café Candelas Breogán. Xa o sábado 17, a partir das 18:30 horas terá lugar o segundo partido entre o Melilla Baloncesto e o Palencia, mentres que a cita definitiva celebrarase o domingo, ás 18.30 horas, e medirá ao Breogán co Melilla Baloncesto. Finalmente, a partir das 20:15 horas terá lugar a entrega de trofeos aos gañadores.

As entradas para cada encontro terán un custe de 5 euros, mentres que tamén será posible adquirir un bono para presenciar os tres encontros, por un custe total de 10 euros. Así mesmo, dende a organización do torneo invitarase a todos os clubs de baloncesto da provincia e a todos os escolares menores de 12 anos para que poidan asistir de forma gratuíta a esta terceira edición dun torneo xa consolidado no panorama galego e no nacional. Finalmente, cómpre sinalar que todos os partidos se poderán seguir en streaming a través das páxinas web dos clubs participantes.

Noticias relacionadas