O Concello dota ao colexio Luis Pimentel dun novo valado de peche e unha aula para pedagoxía terapéutica

A Concellería de Educación investiu preto de 15.000 euros nos traballos, demandados polos veciños nos Orzamentos Participativos e pola comunidade educativa

Mércores, 20 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello dota ao colexio Luis Pimentel dun novo valado de peche e unha aula para pedagoxía terapéutica

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Educación e Infraestruturas Urbanas, que dirixe Manuel Núñez, dotou ao colexio público Luis Pimentel, no barrio da Piringalla, dun novo valado de peche co fin de mellorar a seguridade do centro e tamén dunha aula dedicada a pedagoxía terapéutica, unhas melloras dotadas con 15.000 euros que responden ás peticións realizadas polos veciños nos Orzamentos Participativos e pola comunidade educativa.

Por unha banda, o valado existente foi substituído por outro de maior altura, co que se mellora a seguridade de toda a comunidade escolar e tamén se evita que se produzan actos vandálicos durante o período non lectivo. Estas obras, acometidas no marco dos Orzamentos Participativos, tiveron un orzamento de 10.000 euros.

Con respecto ás reformas interiores, o Concello realizou melloras consistentes na reparación duns canlóns no tellado do edificio, ademais de modificarse un tabique e abrirse unha porta, co que se adaptou unha aula ás necesidades actuais deste colexio, adaptándoa a pedagoxía terapéutica. Nestas obras realizouse un investimento de 5.000 euros.

Ca execución destas melloras, “demostramos unha vez máis o noso compromiso cunha educación pública, gratuíta e de calidade, que garante un progreso social e económico xusto e igualitario”, subliñou Manuel Núñez.

Noticias relacionadas