O Concello divulga os mosaicos romanos lugueses nun encontro en Coímbra

Carmen Basadre puxo en valor a formidable ocasión que supón este encontro, de caracter internacional, ao que asistirá o arqueológo municipal, parar promover o patrimonio histórico na cidade

Xoves, 06 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello divulga os mosaicos romanos lugueses nun encontro en Coímbra

O Concello de Lugo participará este sábado en Condeixa-a-Nova, en Coímbra, no Encontro Portugal-Argelia. Mosaicos Romanos. Fragmentos de um passado comum, dentro das VI Xornadas de Valorização do Mosaico Romano, organizadas pola Associação Portuguesa para o Estudo e Conservação do Mosaico Antigo, entre outros.

Esta reunión, de carácter internacional, será sobre todo un momento de encontro de estudiosos e profesionais de varios puntos de Portugal e Argélia, así como de Alemaña, Francia, España e Italia, da área do mosaico romano e aínda do mosaico contemporáneo.

O Concello de Lugo participa como entidade colaboradora neste evento, e  estará representado polo arqueólogo municipal Enrique González Fernández, o cal exporá o seu relatorio sobre os Mosaicos Romanos de Lugo. Na súa intervención, Enrique González presentará os fermosos conxuntos de mosaicos das rúas Armañá e Doutor Castro, praza de Santo Domingo ou da piscina romana de Santa María, e que representan unha das mellores mostras de musivaria romana conservadas en Galicia. Aínda que non son numerosos os exemplos coñecidos, en consonancia coa importancia da cidade, os mosaicos lucenses destacan non só pola súa conservación, senón tamén pola súa gran calidade técnica e polo seu variado repertorio decorativo. Algúns deles, conservados e musealizados in situ, poden ser contemplados nos centros arqueolóxicos municipais da Casa dos Mosaicos, na Sala de Exposicións Porta Miña, ou a través das ventás arqueolóxicas da rúa Doutor Castro e da Praza de Sta María.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre puxo en valor "a formidable ocasión que supón este encontro, de caracter internacional, para promover o patrimonio histórico da cidade nun país que nos dous últimos anos achegou a Lugo máis de medio milleiro do total dos turistas estranxeiros".

Audio

  • Carmen Basadre sobre o encontro de Mosaicos Romanos| Descargar mp3

Noticias relacionadas