O Concello dinamiza a actividade turística do municipio cunha rica oferta cultural para os vindeiros días

O Vello Cárcere acollerá a maioría da programación, dende a presentación dun libro, a actuación da Escola Municipal de Música, charlas sobre arqueoloxía e feminismo, un taller de escritura e cine, entre outras alternativas

Está programada unha andaina polas zonas baixas do Miño, un concerto solidario no Gustavo Freire, diversas actuacións musicais no Círculo das Artes e teatro no Parque Rosalía de Castro e polo adarve da Muralla

Martes, 22 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello dinamizará esta semana a actividade do municipio a través de varias citas que consolidan unha oferta variada lúdica e cultural. Así, mañá mércores, o Vello Cárcere, a partir das 20:00 horas, acollerá a presentación do libro póstumo de Isidro Novo.

Para os e as amantes da música, tamén mañá mércores, hai un concerto solidario, da Fundación Vicente Ferrer, co apoio do Concello e a Deputación; da soprano Noemí Mazoy, a acordeonista Valery Zviarzhevich, o pianista Germán Barrio e a violonchelista Cristina Nogueira, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Os fondos que se recaden serán para construír vivendas dignas para persoas desfavorcedias nunha das zonas máis pobres da India.

Ao día seguinte, o xoves, ás 20:00 horas, o centro sociocultural do Vello Cárcere acollerá, no seu auditorio, unha conferencia de Roberto Bartolomé, do obradoiro de emprego TIC Arqueolóxico, sobre o castro da Piringalla, dento do ciclo de charlas Desenterrar o pasado. Inicialmente estaba prevista a conferencia de Celso Rodríguez Cao sobre a Domus do Mitreo, pero por problemas de axenda do poñente realizouse un cambio de data, quedando esta última para o 7 de xuño.

Este mesmo día, ás 20:30 horas, o Círculo das Artes será testemuña dos sons de Uri Caine, que ofrecerá a actuación The World of Yesterday: The (Lost) Soul of Europe. Trátase dun concerto enmarcado dentro da XLVI Semana de Música do Corpus, que continuará o venres 25, á mesma hora e no mesmo emprazamento, coa actuación de Ensemble 1700 - Dorothee Oberlinger, Dmitry Sinkovsky, Vittorio Ghierlmi & Olga Watts, coa interpretación de Viaggio musicali. O domingo, este festival de música contempla un Tributo a Montes, ás 20:45 horas na Igrexa de Santiago A Nova, a cargo da Coral do Hospital de Lugo.

O xoves tamén arrincará a nova programación gratuíta e xuvenil Ti que contas, un proxecto dirixido a mozos e mozas co fin de que as persoas participantes se expresen e se comuniquen a través das artes. Será a cargo dos obradoiro de Palabras, o xoves, venres e sábado, así como o vindeiros días 1 e 2 de xuño. O escenario será o espazo exterior do Vello Cárcere, e trátase dun taller de escritura creativa, enfocado desde un ángulo divertido e dinámico, que potencia a creatividade e a interacción entre distintos grupos de mozos e mozas que dará como resultado un libro de artista cun autor colectivo. As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es

A Escola Municipal de Música ofrecerá un concerto, a partir das 20:00 horas, tamén no Vello Cárcere, dentro do II Ciclo A Liberdade dende a Música. Actuará o grupo de pandeiretas e o combo de adultos.

O venres rematarán os Faladoiros Feministas, impulsados polo Concello, Deputación de Lugo e foro feminista Maruja Mallo. Marica Campo será a encargada de poñer o broche de ouro a este espazo de reflexión da actualidade dende a mirada da muller, ás 20:00 horas, no Vello Cárcere, cunha conferencia sobre feminismo e literatura.

Outra atractiva oferta cultural, e xa para a fin de semana, compóñena as actividades do Arde Lvcvs Cvltvral. A Época Romana encherá a Casa da Xuventude o sábado, co taller da asociación de recreación histórica Vestais de Lucvs Avgsvti, que lle ensinará a todas as persoas participantes a decorar a habitación dunha domus romana. Ese mesmo día, compartirán espazo coa final dos Xogos romanos de taboleiro, entre Lugo e Astorga. Así mesmo tamén se celebrará o taller Achégate á cultura castrexa, a cargo de Terra Cópora, no que se poderán fabricar xoias para os traxes de castrexos. O horario dos talleres é de 10:00 a 13:00 horas, e as inscricións deben realizarse a través do 010.

Xa en xornada de tarde, ás 20:30 horas, esta programación inclúe a proxección, no Vello Cárcre, dunha curtometraxe de ficción que narra as vivencias dun poblado cántabro da época da Idade de Ferro, A visita de Plentio. Posteriormente exporase o videoclip El llanto del Lábaro, de Dianaimar Producciones, que explica a histoira de Cantabria e as guerras cántabras, coa colaboración de Clan de Breogán e Cohors III Lucensium. Dúas horas e media antes, ás 18:00 horas, haberá teatro no anfiteatro do parque de Rosalía de Castro, o Rato da Biblioteca.

O Arde Lvcvs Cvltvral inclúe o domingo un taller sobre olería no Museo Arqueolóxico de San Roque, de 11:00 a 13:30 horas, e distintas actuacións teatrais, Antígona Vive, polo adarve da Muralla, con saída dende a Porta de Santiago ás 21:30 horas.

O domingo está programada a Ruta da Fervenza, unha andaina de sendeirismo que comeza na desembocadura do río Rato e remata na Casa Grande da Fervenza, pecorrendo as zonas baixas do río Miño. Ten unha distancia de 18 quilómetros e dificultade baixa. As persoas interesadas en participar nesta excursión, enmarcada no plan turístico sostible de Terras de Auga e Cultura, poden anotarse na Oficina Municipal de Turismo.

Completa a programación as visitas guiadas polo Vello Cárcere, de xoves a domingo, e a mostra de fotografía Irán, París, Lugo e a de escultura, Ledesma, no Vello Cárcere; ademais das permanentes sobre a memoria histórica do centro; así como a de pintura Unha vida para pensar, e a das Cohors III Lucensium, estas dúas últimas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Noticias relacionadas