O Concello detecta e actúa contra novos durmideiros de estorniños na cidade, grazas á colaboración cidadá

A poboación actual da especie estímase en 1.300 exemplares en toda a capital logo da campaña intensiva de control desenvolvida pola área de Medio Ambiente.

O edil Álvaro Santos destacou que nos últimos días se levaron a cabo 7 xornadas ininterrompidas de disuasión aínda que a vixilancia se manterá até abril.

Luns, 08 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello detecta e actúa contra novos durmideiros de estorniños na cidade, grazas á colaboración cidadá

A colaboración cidadá permitiu detectar novos durmideiros de estorniños en Lugo.

As comunicacións realizadas pola veciñanza ao respecto, a través das canles habilitadas – App Liña Verde e 010 entre outras - alertando da súa proliferación en localizacións moi concretas da capital, posibilitou o descubrimento de novos asentamentos dos que, ata a data, non se tiña constancia.

É o caso das rúas Betanzos, Río Támega, Ángelo Colocci e o Ceip Luis Pimentel onde, este mes de xaneiro, grupos de entre 1.000 e 2.000 exemplares se acubillaron nun intento de burlar os labores de escorrentamento para quedarse na cidade. Colonias que foron neutralizadas cun traballo intensivo posto en marcha dende a área de Medio Ambiente co fin – como sinala o seu edil – de “diminuír os prexuízos que a súa presenza ocasiona cando esta é masiva”.

Álvaro Santos quixo agradecer a implicación das e dos lucenses, que instou a manter, ao trasladar este tipo de avisos, “xa que nos permitiu poder actuar con inmediatez para atallar a problemática” e explicou que nos últimos días se realizaron 7 xornadas ininterrompidas de control nas que os técnicos especialistas utilizaron un sistema de sons de alarma, fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas e outras técnicas complementarias, co fin de espantar e propiciar o desprazamento dos chirlomirlos.

O concelleiro deu conta igualmente de que, na actualidade, a poboación de estúrnidos en Lugo é de 1.300 exemplares que se concentran en ao redor de 26 enclaves catalogados, fundamentalmente zonas axardinadas que os paxaros utilizan como lugar de descanso nocturno.

“Son valores poboacionais, segundo nos indica a empresa concesionaria que se encarga deste cometido, moi similares, ou mesmo menores, que os habituais no concello no momento do ano en que nos atopamos xa que cómpre subliñar que entre os meses de decembro e xaneiro é o momento no que se adoita producir o pico invernal cando se pode chegar até os 21.000 espécimes”, abondou Santos Ramos.

A presenza masiva dos estorniños nas nosas latitudes vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, logo da época reprodutora, e modulada tamén por factores climatolóxicos. A súa concentración en zonas urbanas obedece ás condicións que estas contornas ofrecen, con temperaturas máis altas, ausencia case total de depredadores e a existencia de amplos espazos arborizados que manteñen a súa cobertura vexetal ao longo de todo o ano.

Xa para rematar, Santos Ramos avanzou que se traballa coa previsión de que a situación se normalice entre febreiro e marzo, “aínda que as actuacións de vixilancia continuarán até abril debido á posibilidade dun reagrupamento destas aves previo á migración cara os seus lugares de cría no centro e norte de Europa”, concluíu.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a campaña de control dos estorniños | Descargar mp3

Noticias relacionadas