O Concello destinará 70.000 euros en 10 anos para a conservación do humidal das Gándaras, un dos grandes patrimonios naturais de Lugo

Tras a recuperación desta xoia natural, a alcaldesa asinará coa USC un plan para a súa conservación e xestión co fin de acadar o seu recoñecemento definitivo como ENIL.

Lara Méndez: “Levaremos esta proposta tan importante para a protección deste espazo ao próximo Pleno para que a Xunta a avalíe e sexa sometida a información pública”.

O documento inclúe medidas de xestión relacionadas coa conservación dos hábitats, co uso social do espazo e coa investigación e a educación ambiental.

O humidal, incluído no novo bosque urbano de 21 hectáreas do LIFE Lugo+ Biodinámico contribuíu a mellora ambiental da zona onde se sitúa, entre dous polígonos empresariais.

Martes, 02 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello destinará 70.000 euros en 10 anos para a conservación do humidal das Gándaras, un dos grandes patrimonios naturais de Lugo

O Concello destinará 70.000 euros en 10 anos para a conservación e promoción do humidal das Gándaras, un dos grandes patrimonios naturais de Lugo, que aspira a ser declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, este martes, coincidindo co Día Mundial dos Humidais que se celebra, dende 1997, cada 2 de febreiro. Fíxoo nun acto no que tamén participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, e o catedrático da USC, Antonio Rigueiro.

A rexedora explicou que “dende o executivo municipal levamos tempo traballando para conseguir a declaración de ENIL para este espazo natural único. Conxuntamente coa USC, a través do proxecto Life Lugo+Biodinámico, acometimos a recuperación do humidal e fixemos unha proposta á Xunta, da que non obtivemos resposta. Pasado un tempo, a lei establece que se considera aprobada, por iso continuamos co procedemento específico para a protección desta xoia natural, coa elaboración dun plan de conservación”.

“Hoxe quero anunciar que este documento xa se atopa finalizado e levarémolo ao vindeiro Pleno municipal para, unha vez aprobado, poder remitirllo á Xunta. O plan de conservación contempla unha consignación económica anual, con cargo aos orzamentos municipais, para a posta en marcha de diferentes medidas, da man da USC e o Campus Terra, para a protección e a xestión do espazo, por un período inicial de dez anos, cun importe total de 70.000 euros”, avanzou Lara Méndez.

Trala aprobación no Pleno deste documento, requirirase á Xunta de Galicia a súa avaliación para que, posteriormente, sexa sometido a información pública e se declare definitivamente como ENIL, unha figura de protección de áreas naturais de Galicia, recollida na Lei de Patrimonio Natural da comunidade. Deste xeito, o humidal das Gándaras pasaría a ser o primeiro do municipio e o segundo espazo que adquira este recoñecemento na provincia.

A acaldesa lembrou que “dende o Concello de Lugo estamos a traballar no deseño das cidades verdes do futuro, unindo sustentabilidade e progreso como dous dos piares nos que se fundamenta a nosa acción de goberno, o que nos está a situar á vangarda do desenvolvemento urbano sostible e a loita contra o cambio climático a nivel nacional e internacional. Neste senso, impulsamos a recuperación do humidal das Gándaras-O Ceao, como área natural de alto valor ecolóxico que se atopa no ámbito urbano do Concello, entre dous polígonos industriais que dan nome ao espazo”.

O humidal forma parte, ademais, do denominado cinto verde que envolve toda a cidade, desde oeste a noroeste, seguindo os cursos fluviais de tres ríos Miño, Rato e Fervedoira, e localízase tamén dentro da área de transición da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a de maior extensión de Galicia.

Medidas de conservación previstas

O plan de conservación elaborouse cos contidos contemplados na normativa vixente. Así, este inclúe as actividades de xestión do ENIL, entre as que destacan:

  1. Medidas de xestión relacionadas coa conservación dos hábitats, a flora e a fauna, nas que quero destacar entre outras: Realización de inventarios florísticos, micolóxicos e faunísticos, control das especies invasoras, da calidade da auga e do  rexenerado de especies alóctonas, así como a plantación de especies propias ou a realización de actuacións que fomenten a acollida de aves acuáticas e outras especies na zona da logoa artificial.
  2. Medidas de xestión relacionadas co uso social espazo, como a realización de obras de mellora nas vías de acceso ao ENIL; así como a revisión e mantenemento da sinalización e dos accesos e o control dos vertidos incontrolados e lixo.
  3. Pero tamén desenvolverá actuacións relacionadas coa investigación e a educación ambiental a través de accións de divulgación que permitan informar e concienciar ao público dos valores existentes no espazo natural.

Traballos de recuperación

Lara Méndez lembrou que esta xoia natural  comezou a estar en perigo coa liberación no 2006 dos terreos militares das Gándaras, que provocou un desenvolvemento urbanístico-industrial que desembocou nunha redución sucesiva de superficie do humidal, que pola súa limitada superficie e impactos sobre el presentaba un alto grao de fraxilidade. Isto unido a futuros desenvolvementos dos polígonos industriais e infraestruturas, puxo en alto risco a súa conservación.

Por iso, o Concello desenvolveu, tras a consecución do proxecto LIFE e co apoio do Campus Terra, un plan de recuperación co que desterrou as especies exóticas invasoras e alóctonas; saneou as especies autóctonas e repoboou con vexetación riparia, ademais de eliminar os residuos urbanos.

Por outra banda, tamén se levaron a cabo traballos de sinalización e a colocación de paneis que explican a historia e diversidade deste humidal, de gran importancia ecolóxica porque permite regular a temperatura da auga, suxeita o terreo e achega refuxio e alimento aos animais acuáticos, anfibios e terrestres.

O acondicionamento deste humidal, de 5 hectáreas de extensión, supuxo preservar a súa rica diversidade para que sexa un espazo de esparexemento de veciños e visitantes, pero tamén terá fins divulgativos, xa que acolle especies de flora e fauna de interese comunitario.

Recoñecementos e mellora ambiental

A FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) ven de premiar a recuperación do Humidal polo seu impacto e por ser exemplo para outras cidades. Este proxecto obtivo o segundo premio na categoría de Medio Hídrico na segunda edición dos Premios de Boas Prácticas Locais pola Biodiversidade, celebrado o pasado ano e outorgado pola Rede de Gobernos Locais+Biodivesidade, da Federación Española de Municipios e Provincias.

Ademais, a alcaldesa destacou que tanto a recuperación do Humidal como o a creación do novo bosque urbano de 21 hectáreas onde se inclúe supuxo xa unha mellora da calidade medioambiental do ámbito onde se sitúa. De feito, un estudo da Universidade Politécnica de Madrid, tamén colaboradora do proxecto, mediu os efectos deste bosque urbano en termos de pegada ecolóxica, biocapacidade e almacenamento de CO2, destacando o seu alto impacto na mellora deste espazo ubicado entre dous polígonos empresariais

Este proxecto enmárcase no programa LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e a labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é a posta en práctica dunha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións en barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día Mundial dos Humidais | Descargar mp3
  • O catedrático da USC, Antonio Rigueiro, sobre o Día Mundial dos Humidais | Descargar mp3

Noticias relacionadas