O Concello destina uns 180.000 para axudas aos clubs deportivos, deportistas e asociacións sociais

As solicitudes presentaranse no Rexistro do Concello no prazo de 15 días naturais, para as do deporte, e 15 días hábiles para servizos sociais, contados a partir da publicación do extracto da convocatoria no boletín oficial correspondente

A Xunta de Goberno deu luz á contratación, por procedemento negociado, para a elaboración dos mapas de perigosidade e risco de inundación necesarios par a aprobación do 5% pendente do PXOM

A entidade local saca a licitación a adquisición de mobiliario para o Vello Cárcere por 41.000 euros

Mércores, 26 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores tres liñas de axuda duns 180.000 euros, dúas delas ao deporte, que suman 154.000 euros, co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no termo municipal, e outras a servizos sociais, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral, por 25.500 euros. Así o informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen indicou que se trata das subvencións para clubs, entidades deportivas, axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo e subvencións para asociacións sen ánimo de lucro.

Tal e como explicou Fernández, o Concello destina 130.000 euros para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro. Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións e ter tramitadas e en vigor ante a Federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. Non se admitirá máis dunha solicitude por club, asociación ou entidade. A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, entre outros. Serán gastos subvencionables, gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade tales como licenzas, material ou gastos de desprazamento, entre outros; ou gastos de persoal necesario para o desenvolvemento de actividades.

Así mesmo, autorizouse a convocatoria de axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo. Para iso, o Concello destina 24.000 euros. Terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1997 e 2002, estar federados nun club do concello e estar empadroados no municipio.

No que se refire a servizos sociais, hai dúas liñas: unha para o desenvolvemento de programas e actividades e outra para mantemento, conservación e pequenas reparacións de infraestruturas. A contía máxima por asociación é de 3.000 euros e serán gastos subvencionables, entre outros, alugamentos, gastos de transportes, vestiario, produtos alimenticios, publicidade ou imprenta.

Todos os interesados en calquera destas tres liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, para as do deporte, e 15 días hábiles para servizos sociais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no boletín oficial correspondente, que é remitido pola Base Nacional de Subvencións. A entidade local dará conta destas datas de publicación, a partir das cales se poderán solicitar estas subvencións. As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello.

Estudo hidráulico PXOM

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou o procedemento de adxudicación e as cláusulas administrativas particulares para a elaboración dos mapas de perigosidade e risco de inundación necesarios par a aprobación do 5% pendente do PXOM. Segundo indicou Fernández, farase por procedemento negociado con EPYPSA, “posto que é a única que pode trasladar os resultados dos estudos á cartografía”. O contrato terá unha duración de tres meses e conta cun orzamento total de preto de 63.000 euros.

Vello Cárcere

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno deu luz verde á contratación da adquisición de mobiliario para o  Vello Cárcere. A licitación farase por procedemento aberto. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Fernández adiantou que se fará por lotes, un de estantes para almacén de arqueoloxía, por 7.260 euros, outro de cadeiras para diversos espazos culturais e zonas de reunións, por 32.605 euros, un terceiro  de cadeiras para postos de traballo, por 3.630 euros e un cuarto, para mesas móbiles para salas de actividades, por 6.655 euros.  En total o valor estimado do contrato que se aproxima aos 41.000 euros.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 8 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Prórroga

A Xunta de Goberno deste mércores prorrogou por un ano a contratación do servizo ao Concello para a prestación dos servizos complementarios e de colaboración á xestión recadatoria municipal, para a xestión administrativa e a recadación das multas de tráfico, de colaboración na xestión en materia de inspección e colaboración na xestión en materia catastral a Tribugest Gestión de Tributos S.A., ata o outubro do ano 2017, por un importe de 70.900 euros para esta anualidade. 

Noticias relacionadas