O Concello desbroza a parcela na que creará un aparcadoiro con 330 prazas en fronte do HULA

Con esta medida dáse resposta a unha demanda veciñal da cidade e da provincia, dado o gran volume de persoas que acude ao complexo hospitalario

Xoves, 04 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello desbroza a parcela na que creará un aparcadoiro con 330 prazas en fronte do HULA

O Concello está a levar a cabo o desbroce da parcela de titularidade municipal situada en fronte do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Trátase duns terreos que se acondicionarán como estacionamento, co que se crearán en torno a 330 prazas. Este proxecto contempla varias fases. A primeira consiste en desbrozar a zona de aparcadoiro, da cal se encargan tres operarios con tractor e desbrozadoras manuais.

Posteriormente, procederase ao movemento de terras para explanar o terreo. Tamén se tomarán as medidas necesarias para protexer a mámoa achada na finca segundo as disposicións de Patrimonio. A conclusión deste proceso irá parella á aprobación do 5% pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois con elo o terreo terá a cualificación urbanística necesaria para o uso de aparcadoiro.

Con estas actuacións, o Concello dá resposta a unha demanda veciñal da cidade e da provincia, dado o gran volume de persoas que acude a este complexo hospitalario, como xa anunciara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a finais do ano pasado nunha visita que realizou acompañada por técnicos municipais ás inmediacións do centro hospitalario.

“Todos somos potenciais usuarios do hospital, polo que no Concello somos moi sensibles aos problemas de aparcadoiro que existen e que xa nos transmitiran os distintos colectivos nas reunións que viñemos mantendo co tecido socioeconómico da cidade”, explicou a Alcaldesa.

Ademais destas actuacións, o Concello tamén levará a cabo a reordenación do tráfico nos viais próximos ao HULA, medidas coas que quedarán habilitadas máis de 800 prazas de aparcadoiro gratuítas nesta zona, 500 delas de nova creación.

Noticias relacionadas