O Concello denuncia “a nova inxustiza de Rajoy cos xubilados lucenses”, que en 2016 cobrarán 1,5 euros máis de media ao mes

O “inmerecido castigo do PP aos pensionistas agudízase en Lugo porque os nosos xubilados cobran as pensións máis baixas de España”, subliñou a Concelleira de Economía

Venres, 07 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, denunciou este venres “a nova inxustiza que o Goberno de Rajoy perpetra contra os pensionistas, ao aplicar unha exigua suba das pensións do 0,25%, o mínimo imposto polo Partido Popular na súa última reforma”. Prieto lembrou que, co anterior Goberno socialista, o incremento aplicábase conforme ao IPC anual para evitar a perda de poder adquisitivo.

Trátase dun “inmerecido castigo”, que en Lugo “se agudiza porque os nosos xubilados cobran as pensións máis baixas de España, cunha media mensual de pouco máis de 600 euros”. “Isto supón que, co Partido Popular, os 19.300 pensionistas da nosa cidade percibirán de media no 2016 un euro e medio máis ao mes, é dicir, pouco máis que para un café. Non chega a 20 euros ao ano”, asegurou a Concelleira.

A isto, engadiu Ana Prieto, hai que engadirlle que “continúa o copago de medicamentos que impuxo aos xubilados o Goberno de Rajoy, un importante desembolso tendo en conta os baixos importes das pensións”.

“Inxusto e inadmisible”, argumentou a edil, “cando sabemos que os pensionistas son un dos principais, senón o único, soporte da renda de moitas familias do noso concello debido ás altas taxas de desemprego e a que moito do creado é totalmente precario, ademais da nula sensibilidade do Goberno en materia de conciliación familiar e laboral”.

“Por desgraza, estamos moi lonxe da idílica recuperación económica da que o Partido Popular está a falar. Non haberá recuperación mentres todos e cada uns dos cidadáns non saian da crise”, afirmou a Concelleira.

Audio

  • Declaracións de Ana Prieto sobre as pensións dos lugueses|Descargar mp3

Noticias relacionadas