O Concello deixa en suspenso a intervención do servizo de limpeza e recollida do lixo

Luns, 14 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde volve reclamar ás partes que senten negociar e avisa de que “non tolerará que o ben común dos lucenses sexa refén de ningunha estratexia”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, deu conta hoxe da decisión do Goberno local de deixar en suspenso a intervención do servizo de limpeza e recollida do lixo.
O Alcalde explicou que esta decisión de deixar sen efecto, de momento, a intervención do servizo débese a que os técnicos municipais comprobaron que durante a fin de semana mellorou o estado da limpeza de Lugo e, ademais, porque a empresa concesionaria, Urbaser, presentoulle ó Concello un plan de limpeza no que se compromete a dar cobertura ós requerimentos que lle faga a Administración municipal para limpar os puntos de alerta sanitaria, que cada día son decretados pola Consellería de Sanidade tralos controis que realizan os seus inspectores.
 “De momento, non se vai producir a intervención”, anunciou o Alcalde, que volveu insistir na necesidade de que o conflito se resolva pola vía da negociación. Neste sentido, manifestou que “nós seguimos propiciando o diálogo, é necesario que as partes se senten negociar, porque esa é a única maneira de resolver os problemas”.
López Orozco advertiu de que a medida da intervención do servizo queda en suspenso pero “a firmeza do Alcalde e do Equipo de Goberno segue a ser a mesma; a defensa do interese público é o fundamental para nós, ningún interese de ningunha empresa nin de ningún colectivo pode estar por riba do interese dos cidadáns de Lugo e, mentres eu sexa Alcalde, o Concello de Lugo non tolerará que o ben común sexa refén de ningunha estratexia ou de intereses de ninguén”.
Tamén chamou á atención o Alcalde sobre o feito de que, dende o Concello, “estamos a aplicar o Estado de Dereito e os principios de defensa do público, pero resulta triste comprobar como a ameaza pode surtir máis efectos que o diálogo”.
Por outra parte, o Alcalde referiuse ós incidentes da pasada noite nos que se tiraron papeleiras e lixo en distintos lugares. Así, indicou que  “a cidade está en mellores condicións hoxe que o venres pasado, aínda que temos que lamentar os acontecementos desta noite pasada, na que se volcaron papeleiras e se espallou lixo en distintos puntos da cidade, no medio da calzada e nas beirarrúas”. 
Estes incidentes afectaron, entre outras rúas a Marina Española, Aviación Española, Santo Domingo, Pastor Díaz e Montero Ríos. Tamén se detectaron moitas papeleiras rotas e lixo espallado nas zonas de Catasol e Montirón. 
Durante a fin de semana a empresa Urbaser recolleu un total de 251.080 kilos de lixo, 211.080 kg foron retirados con camións de carga lateral e outros 40.000, con camións de carga traseira. 

Multimedia

Noticias relacionadas