O Concello de Lugo xira estes días 71.000 recibos do imposto de circulación por importe de 5’7 millóns de euros

A edil de Gobernanza lembra que o período de pago voluntario remata o próximo día 20 de outubro

Dende este ano, existen novas bonificacións de até o 75% da cota do gravame para os turismos menos contaminantes

Venres, 09 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo xira estes días 71.000 recibos do imposto de circulación por importe de 5’7 millóns de euros

O Concello de Lugo, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal, xira estes días o recibo do imposto de circulación. No servizo de Tesouraría figuran matriculados un total de 71.282 vehículos que tributan ás arcas municipais 5.725.528’73 euros.

Trátase do segundo gravame local máis cuantioso, logo do IBI co que a administración recada preto de 22 millóns de euros.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembra que o período voluntario para proceder ao seu abono remata o día 20 deste mes e recorda que, dende este ano, a ordenanza que o regula recolle novas bonificacións para os automóbiles menos contaminantes.

“Dentro da estratexia de acadar unha cidade máis sostible e respectuosa co ecosistema, as persoas propietarias de turismos híbridos ou aqueles que empreguen un combustible de baixa incidencia para o medio ambiente (motor eléctrico e/ou emisións nulas, biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol, hidróxeno, gasolina-gas, eléctrico-gasolina, etc) poden solicitar e desfrutar durante tres anos, dun desconto de até o 75% na cota da rodaxe”, indicou Paula Alvarellos.

A concelleira responsable da área económica sinalou tamén que, conxuntamente, se tramita nestas mesmas datas o cobro dos 4.002 vaos existentes na cidade que suman un importe de 627.288’40 euros.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o recibo do imposto de circulación | Descargar mp3

Noticias relacionadas