O Concello de Lugo suspende os prazos de todos os procesos selectivos en curso ata que remate o Estado de Alarma

Entre os expedientes afectados figuran as prazas de Director/a da Banda de Música, dúas de Educadore/as Sociais e o posto de Xefe/a do Servizo de Persoal.

Séguese así o Real Decreto do 14 e 17 de marzo co fin de evitar prexuízos graves aos dereitos das persoas interesadas nos mesmo.

Para garantir unha maior seguridade xurídica e da concorrencia pública a medida se difundirá tamén na páxina web municipal.

Xoves, 26 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo suspende os prazos de todos os procesos selectivos en curso ata que remate o Estado de Alarma

O Concello de Lugo vén de suspender os prazos de todos os procesos selectivos convocados pola Institución local e que, nestes momentos, se atopaban en curso ata que remate o Estado de Alarma.

A medida, segundo indicou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, obedece á necesidade de axustarse á normativa ao respecto, contemplada nos Reales Decretos 463/2020 e 465/2020, de 14 e 17 de marzo respectivamente, onde figura unha regulación específica do devir dos procedementos administrativos iniciados con anterioridade á situación de emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19.

“A regra xeral é a suspensión automática dos termos así como a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos administrativos en tódalas entidades do sector público. E, aínda que, como excepción, se lle permite ao órgano competente acordar, de forma motivada, outras medidas de ordenación e instrución que se consideren necesarias, dende o equipo de goberno optamos por acatar esta suspensión con relación aos expedientes de cobertura de prazas e provisión de postos de traballo que temos iniciados para evitar prexuízos graves aos dereitos das persoas interesadas nos mesmos”, abondou.

Así, Paula Alvarellos referiu que algún dos que se verán afectados son a cobertura de prazas de 2 oficiais, un/unha inspector/a principal e un/unha intendente (mediante anuncio no BOE nº 55 de 4 de marzo) que se atopaban na fase de presentación de instancias ao igual que a praza de Director/a da Banda de Música (mediante o anuncio no BOE nº 82 do 25 de marzo de 2020);  dous/dúas Educadores/as Sociais para a súa toma de posesión e os remitidos para a súa publicación no DOG co fin de cubrir o posto de Xefe/a de Servizo de Persoal.

A concelleira responsable da área económica subliñou tamén que, “para garantir unha maior seguridade xurídica e da concorrencia pública e, a pesar de que a disposición citada produce efectos automáticos ex lege, procederase á difusión, a través da páxina web municipal, da devandita medida, que se reverterá unha vez levantado o Estado de Alarma”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

Noticias relacionadas