O Concello de Lugo súmase ó plan da Deputación para que as administracións municipais aforren enerxía eléctrica

Martes, 18 de marzo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Axencia provincial da Enerxía estudará as medidas que pode tomar o Concello de Lugo para consumir menos enerxía eléctrica, co obxectivo de aforrar cartos e reducir a contaminación

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez; e a Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, anunciaron hoxe un novo convenio de colaboracion entre ambas as dúas administracións que lle permitirá ó Concello de Lugo optimizar e racionalizar o gasto enerxético. No acto, celebrado na Casa do Concello tamén participou o Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera..

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente anunciou que a sinatura deste convenio coa Deputación é unha aposta polo medio ambiente e a sostenibilidade xa que se pretende avanzar “na senda na que todas administracións estamos implicadas para o aforro e a eficiencia enerxética, mediante a reducción do consumo eléctrico, sen que elo supoña ningún tipo de merma na calidade de vida á que estamos acostumados a disfrutar”.

Luis Álvarez explicou que o Concello de Lugo súmase a unha iniciativa que ten en marcha a Deputación, a través da Axencia provincial da Enerxía, da que xa se benefician outros municipios da provincia e que permitirá diminuir o consumo de enerxía eléctrica coas conseguintes vantaxes tanto para o medio ambiente como para a economía municipal.

Tamén informou o Concelleiro de que, mediante este convenio, realizarase unha auditoría enerxética, na que se revisará a facturación eléctrica do Concello, e, a partir desa analise, faranse unhas recomendacións das medidas necesarias para lograr unha reducción no consumo e aforrar enerxía sen diminuir a calidade de vida.
 
Álvarez destacou que dende o Concello de Lugo “agradecemos moito esta á Deputación esta colaboración porque a facturación eléctrica supón unha parte moi importante no presuposto municipal”. Para este ano, a previsión de gasto en enerxía eléctrica é de case 5,6 millóns de euros.

Pola súa parte, a Vicepresidenta Segunda destacou que, logo do éxito acadado por esta iniciativa na propia Deputación, “na que se acadou un aforro duns 230.000 euros ó ano, o que supón unha redución dun 25% na factura eléctrica”, e logo de poñela en marcha nos 47 municipios lucenses que se adheriron de xeito voluntario á mesma, “consideramos que o de Lugo non podía fóra”. O Concello de Lugo tamén acadará un dobre aforro: por unha banda, o prezo que tería no mercado o estudo personalizado sobre a facturación de todas as instalacións municipais como o que fará a Axencia Lucense da Enerxía e, por outra, a significativa diminución da factura eléctrica. Méndez destacou que este dobre aforro, “duns 5.000 euros polo estudo e un 20% de redución na factura no caso dos Concellos de menos de 20.0000 habitantes, será aínda maior tendo en conta as dimensións do municipio lugués”.

Lara Méndez lembrou que a posta en marcha desta iniciativa “tamén respostou á nosa preocupación polos reiterados abusos por parte das comercializadoras, que nos levou a presentar ó Pleno de outubro do 2012 unha proposta para instar á Xunta a que subsanara estes erros e evitara as ilegalidades das empresas comercializadoras”. “

“As administracións non son alleas a este problema e, de feito, moitos dos 130 Concellos que denuncian abusos por parte das eléctricas, déronse conta grazas ás auditorías da Axencia Lucense da Enerxía”, destacou Méndez, instando novamente ó Goberno de Feijóo a “comezar dunha vez tomarse en serio os problemas do país e a traballar para defender os intereses de todos os galegos”.

Pola súa banda, o Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, subliñou que esta revisión de facturas de dependencias municipais e alumeado público, “que supón do 65 ó 90% do gasto enerxético dos Concellos e o 15% do presuposto”, será a custe cero.

Multimedia

Noticias relacionadas