O Concello de Lugo, seleccionado para explicar a súa estratexia de deseño das cidades sostibles no Cumio do Cambio Climático

A alcaldesa explicará no COP25 o traballo que se está a desenvolver no municipio con iniciativas pioneiras no deseño das cidades sostibles e máis resilientes do futuro.

Lara Méndez: “A nosa presenza suporá un fito e unha gran oportunidade para aportar solucións innovadoras a outros municipios nun momento de emerxencia climática”

Xoves, 28 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo, seleccionado para explicar a súa estratexia de deseño das cidades sostibles no Cumio do Cambio Climático

O Concello de Lugo foi seleccionado para participar como ponente no Cumio do Cambio Climático (COP25), que se reunirá en Madrid do 2 ao 13 de decembro, para explicar o proxecto LIFE Lugo Biodinámico, co que está a desenvolver iniciativas pioneiras no deseño das cidades sostibles do futuro potenciando a madeira como elemento estrutural de construción.

A alcaldesa Lara Méndez exporá o día 3 a estratexia que está a desenvolver no municipio, da man das investigacións do Campus Terra e da Universidade Politécnica de Madrid, cara un desenvolvemento urbano que axude a mitigar os efectos do cambio climático.

O proxecto de Lugo, impulsado con fondos europeos e apoio da Deputación, darase a coñecer no COP25, o órgano supremo da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, nun cumio que será transcendente nun momento de emerxencia climática e que constitúe a última reunión para activar o Acordo de París, concibido como o primeiro pacto mundial vinculante en defensa do clima do planeta.

Segundo a rexedora, a presenza de Lugo, que xunto a Pontevedra é o único municipio galego escollido para ter presenza no COP25, “supón un fito para a cidade e unha  gran oportunidade para poder aportar o traballo que estamos a facer desde o concello na concepción de municipios resilentes á vez que potenciamos un modelo produtivo vinculado co sector forestal, e máxime cando estamos nun momento de emerxencia climática”.

Lara Méndez incidiu que os proxectos que se están a executar en Lugo nacen non só para mellorar desde o punto medioambiental e de dinamización económica o municipio ao abrir oportunidades ás empresas vinculadas coa economía verde e circular, tamén para ser un referente na loita contra o cambio climático en cidades de tamaño medio de toda Europa.

A estratexia lucense do Life Lugo Biodinámico abarca 28 accións, entre as que se poden destacar:

  • A creación dun gran cinto verde con 15.000 especies arbóreas e plantacións demostrativas de cultivos que servirán para a construción urbanística e edificatoria das cidades do futuro.
  • A recuperación do Humidal das Gándaras, que será o segundo ENIL da provincia de Lugo (Espazos Naturais de Interese Local).
  • A execución do primeiro edificio público da comunidade construído en madeira de Galicia, o Impulso Verde, que aforrará un 74% de consumo enerxético e reducirá as emisións de CO2 un 90%.
  • A construción do primeiro barrio multiecolóxico de España desde o punto de vista urbanístico e edificatorio, que integrará o verde urbano, a enerxía renovable, a eficiencia enerxética, a mobilidade menos motorizada e a economía circular nunha estratexia territorial de adaptación a este cambio climático.

Planificado para 1.200 vivendas,  o barrio parte dunha densidade de poboación baixa, seguindo as estratexias de crecemento sostible. Destas, o 45% serán públicas.

Esta porcentaxe é superior as estándares, así como o son zonas verdes e espazos libres previstos, de 147.000 m2, que suporán cinco veces máis da superficie fixada no PXOM, así como a superficie destina a equipamentos, de 30.000 m2, que duplica o previsto no Plan Xeral.

No deseño das edificacións, esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética.

  • A elaboración dun catálogo de solucións sostibles, pioneiro en Europa
  • O deseño e planificación de zonas de confort climático residencial.
  • O deseño dun proxecto de dinamización económica cara un ‘Wood Valley’ para xerar novas oportunidades no sector da bioeconomía.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, sobre as cidades sostibles no Cumio do Cambio Climático | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo, seleccionado para explicar a súa estratexia de deseño das cidades sostibles no Cumio do Cambio Climático
  • O Concello de Lugo, seleccionado para explicar a súa estratexia de deseño das cidades sostibles no Cumio do Cambio Climático

Noticias relacionadas