O Concello de Lugo #SACAPECHO para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama

Martes, 19 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo #SACAPECHO para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto a outros representantes da Corporación, participou este martes, na Praza Maior, nos actos conmemorativos do Día Internacional contra o Cancro de Mama, organizados na capital lucense pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e o Grupo El Progreso coa colaboración do Concello.

O lema deste ano, #SACAPECHO, pretende facer referencia ao orgullo e afouteza, especialmente das mulleres “pero tamén das súas familias, porque sacar peito é acción, é movemento, é actuar con decisión e defender e apoiar a todas as persoas que se sinten vulnerables fronte a esta enfermidade”, destacou a rexedora.

Lara Méndez agradeceu primeiramente “a implicación e apoio das entidades organizadoras do evento, que configuraron, ao pé da Casa Consistorial, un lazo de grandes dimensións elaborado con flores de cor rosa, símbolo de loita contra esta patoloxía que en 2020 deixou 34.088 casos en España e máis de 500 en Galicia.

A xornada, que tivo como eixo central a lectura dun manifesto no que unha afectada por esta doenza relatou a súa experiencia persoal, foi aproveitado igualmente para reivindicar unha sanidade pública, gratuíta e de calidade, “coa necesidade de reforzar a atención sanitaria, especialmente a Primaria e trala pandemia, cando a incidencia da Covid supeditou a investigación, o investimento e mesmo o número de probas de diagnose efectuadas, tan fundamentais para acadar que a recuperación dos casos poida ser moi pronto do 100%”, concluíu Lara Méndez.

Audio

LARA MÉNDEZ - Día do Cancro de Mama | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo #SACAPECHO para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama

Noticias relacionadas