O Concello de Lugo saca a contratación a construcción dun ascensor para mellorar a accesibilidade do barrio do Sagrado Corazón

Mércores, 10 de decembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A obra farase dacordo cun proxecto de Evislusa e con financiación municipal

O Goberno local acorda resolver o problema creado pola ocupación ilegal de terreos que fixo o Concello para conectar as rúas Monte Cadramón e Flor de Toxo

Os terreos, que son de propiedade privada, serán devoltos á situación anterior á súa ocupación e asfaltado, que se fixo antes de 1999

O Goberno local aprobou esta mañá o inicio do procedemento para construir o ascensor do Sagrado Corazón, segundo informou o Voceiro do Equipo de Goberno e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.

Luis Álvarez deu conta de que estas importantes obras de mellora da accesibilidade ó barrio do Sagrado Corazón saen a contratación cun presuposto de licitación de 223.731,48 euros, ive incluido, e cun prazo máximo de execución de catro meses. O prazo para a presentación de ofertas será de 26 días unha vez publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

A contratación do proxecto denominado “Obras de mellora do espazo urbano e accesibilidade ó barrio do Sagrado Corazón de Lugo dende a avenida de Carlos Azcárraga” farase por procedemento aberto e, tal como explicou o Voceiro do Goberno local, os criterios para a adxudicación serán aritméticos. Terase en conta o menor prezo ofertado, a ampliación no prazo de garantía e melloras referidas fundamentalmente a iluminación.

Esta obra de construcción do elevador no Sagrado Corazón será financiada exclusivamente con recursos económicos do Concello de Lugo e farase dacordo cun proxecto redactado pola empresa municipal Evislusa.

Coa execución deste proxecto, que atende unha sentida arela veciñal, vaise mellorar decisivamente a accesibilidade do Sagrado Corzón, porque o ascensor axudará a salvar o importante desnivel existente entre as zonas alta e baixa do barrio de maneira que facilitará a comunicación do barrio.

López Orozco sinalou que a construcción do ascensor pretende facer do Sagrado Corazón un barrio máis accesible, en especial para as persoas que teñen problemas de mobilidade reducida, e adiantou que o proxecto do elevador suporá que tanto residentes como visitantes poidan acceder ó barrio en dous niveis, un á altura da Igrexa e outro á altura do Colexio.

O proxecto supón a construcción dun ascensor panorámico, que será acristalado, e irá instalado sobre unha estrutura metálica, e terá capacidade para transportar nunha viaxe de 8 a 12 persoas. Con elevador facilitarase o acceso ó barrio en dous niveis, un á altura da Igrexa e outro á altura do Colexio. A base será na rúa de Carlos Ázcárraga, onde terá a primeira parada; a segunda será a 6,75 metros de altura, na praza da Igrexa, e a última situarase á 10,13 metros de alto, e estará comunicada, a través dunha pasarela, coa parte alta do barrio.

A solución do elevador comezou a xestarse cando se executaron as importantes obras para facilitar a accesibilidade nas vivendas desta zona, grazas ás actuacións desenvolvidas no marco da Área de Rehabilitación Integral, e nas que colaboraron estreitamente a administración e os veciños do barrio, que fixeron posible, coa súa implicación, a gran transformación que experimentou o barrio.

Solución a unha antiga ocupación ilegal de terreos

O Voceiro do Goberno local tamén anunciou unha importante decisión tomada pola Xunta de Goberno Local para pór fin a un vello problema orixinado porque o Concello ocupou ilegalmente uns terreos para enlazar as rúas Monte Cadramón e Flor de Toxo.

A Xunta de Goberno tomou hoxe o acordo de atender a reclamación feita por unha veciña que acreditou ser a propietaria dos terreos e que presentou varios escritos relativos á ocupación ilegal efectuada polo Concello de 350 m² destinada a enlazar a rúa Monte Cadramón coa Rúa Flor de Toxo sen proxecto de urbanización que lexitimase a referida actuación, feito que se produciu en data anterior a abril de 1999, dacordo cos informes dos servizos municipais.

O Goberno local acordou, tamén, proceder ó corte definitivo da circulación do tráfico polos terreos que foron obxecto desta ocupación ilegal, asi como a reposición dos devanditos terreos ó seu estado orixinario.

Luis Álvarez explicou que, segundo parece, “o Goberno local tomou a decisión de comunicar as dúas rúas e, para elo, supoñemos que debeu de chegar a algún tipo de acordo verbal, non plasmado en ningún documento, cos anteriores propietarios dos terreos, e asfaltáronse 350 m² sen que conste ningún soporte documental que acredite por qué o Concello asfaltou ese terreo e comunicou as dúas rúas”.

Posteriormente, houbo un cambio de titular da propiedade e os novos propietarios presentaron a devandita reclamación.

Dacordo cos informes dos servizos municipais de Enxeñería, Xestión Urbanística e da Asesoría Xurídica, a ocupación realizouse sen proxecto de obras e sen que o vial estivese contemplado no Plan Xeral de Ordenación Urbana vixente daquela e tampouco se corresponde con ningún vial trazado no actual PXOM. Por este motivo, explicou o Voceiro do Goberno local, “non hai ningún fundamento legal que habilite ó Concello de Lugo para proceder á expropiación e manter ese vial nas condicións actuais”.

Luis Álvarez salientou que o Concello verase obrigado a restituir os terreos ó seu estado orixinario, debido ó erro cometido polo Goberno municipal daquela época.

En relación con este asunto,  Álvarez anunciou irónicamente que lle vai remitir o asunto ó Partido Popular provincial, “a ver se comparten a ocorrencia populista do señor Castiñeira, doctrina segundo a cal se responde co patrimonio persoal por calquera erro de procemento e, polo tanto, consideran que os gastos derivados da reposición dos terreos deben ser pagados do seu peto polos Concelleiros que formaban daquela o Goberno municipal”.
 
Reclamación por taxa impagada do San Froilán

A Xunta de Goberno Local aprobou a reclamación de compensacións económicas polos danos causados ó Concello debido á falta de pagamento da taxa correspondente á caseta e caldeiro número 5 durante as festas de San Froilán 2014.

Estes feitos xa deran lugar no seu día á resolución da autorización concedida á adxudicataria para a ocupación do dominio público municipal e agora dase un paso máis ó declararse a dita empresa responsable da resolución da concesión da ocupación do dominio público municipal correspondente á caseta e caldeiro nº5 San Froilán 2014 por incumprimento das súas obrigas o que provocou uns danos e perxuizos por importe de 25.203 euros.

Por este motivo, acordouse abrir expediente de incautacion de garantía definitiva por importe de 4.812 así como incoar expediente de reclamación de danos e perxuizos polo incumplimento por un importe de 20.391 euros.

Outros acordos

O Equipo de Goberno tamén aprobou a prórroga do contrato coa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar que desenvolve o Concello e do que se benefician medio milleiro de veciños e veciñas. A prórroga deste contrato faise polo prazo dun ano e o prezo máximo de contrato será de 146.405 euros, ive incluido.

Por outra parte, tomouse o acordo de ampliar ata o 15 de decembro o prazo de execución do contrato de subministración de equipamento de intervención para o Corpo de Bombeiros. Esta ampliación, por um prazo de 60 días, prodúcese atendendo unha solicitude feira pola adxudicataria e computa dende o 15 de outubro, data na que se lle enviou a información do tallaxe de chaquetóns e cubrepantalón.

A Xunta de Goberno acordou tamén desistir do procedemento administrativo para a contratación do lote 8 da docencia especializada relativa á atención sociosanitaria a persoas no domicilio dentro do proxecto Lugo Emprego Activo 2 e a convocatoria dunha nova licitación. Esta decisión prodúcese ó terse detectado un erro durante o procedemento de adxudicación xa que que no informe técnico de valoración dos criterios non avaliables automaticamente non foi tida en conta unha das proposicións. Ábrese un novo período de presentación de ofertas coa publicación do anuncio de licitación no BOP.

Multimedia

Noticias relacionadas