O Concello de Lugo reunirase coas "forzas vivas" da cidade para acadar unha ordenanza de civismo "consensuada e para todos"

Luns, 24 de agosto de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* O Concello de Lugo pretende elevar ao primeiro pleno de outubro o documento

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, avanzou esta mañá que celebrará unha serie de reunións coas “forzas vivas” da cidade para tratar de acadar unha ordenanza de civismo “consensuada e para todos”. Nas reunións participará o concelleiro, o director xeral de Policía e un Policía Local.

Nestas reunións explicaráselles que o Concello traballa na redacción dunha ordenanza de civismo que recollerá distintos aspectos fundamentais para a boa convivencia tanto dos residentes na cidade como daqueles que nos visitan. “Pretendemos que todos os grupos aporten suxestións para que sexa unha norma consensuada”, destacou.

A ordenanza, explicou o Concelleiro, está recollida nun documento aberto, vivo e debe adaptarse aos cambios sociais que se experimentan na cidade e á evolución natural dun municipio que está en continua modernización. O obxectivo, explicou, é elevar o documento ao primeiro pleno que se celebre no mes de outubro.

O Concelleiro expuxo que as achegas serán moi valiosas para que a ordenanza se converta nun código de boas prácticas “co que todos e todas nos sintamos identificados”. Non quere ser un documento para prohibir nin impor nada, senón que pretende converterse nun instrumento que garanta a convivencia entre toda a cidadanía.

A Ordenanza refírese a realidades que os veciños e veciñas coñecen de cerca: o respecto ás persoas, o vandalismo, a mendicidade, o comercio ambulante, o uso inadecuado do espazo público ou o botellón.

O Concelleiro anunciou que manterá reunións con:
Federación de Veciños
UNAVE
Asociacións de veciños non federados
Consello escolar
Asociacións deportivas
Asociacións culturais
Asociacións sociais e asociacións de persoas con discapacidade
Asociacións de comerciantes e hostaleiros
Colexios profesionais
Asociacións empresarias
Xuventude
Oposición

As reunións comezarán esta semana e rematarán a mediados de setembro.

Participación a través da web
José Rábade explicou que a participación cidadá en relación co documento a través da web non foi a esperada. Neste sentido, cómpre ter en conta a época do ano na que nos atopamos, posible causa dun baixo número de suxestións ao borrador por parte dos lucenses. Así, con esta nova medida, espérase unha participación de toda a cidadanía de cara a conseguir un documento consensuado e coñecido por todos.

Multimedia

Noticias relacionadas