O Concello de Lugo restaurará unha piscina romana na Praza de Santa María

Venres, 13 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Compras do Concello de Lugo aprobou esta mañá a contratación da redacción dun proxecto para levar a cabo a restauración e valorización da piscina romana da Praza de Santa María, así como a dirección técnica das obras, por un total de 17.748 euros.

A adxudicataria que contará con 45 días para a redacción do proxecto é a empresa Tomos Conservación y Restauración SL.

Este proxecto englóbase dentro das actuacións levadas a cabo polo Plan Urban para a revalorización do patrimonio arqueolóxico na vía pública en lugares como a contorna da Catedral. Nesta zona atópase a piscina romana que fora descuberta no ano 1960.

Os traballos que se realizarán na zona inclúen a restauración da piscina, a obra civil necesaria para protexer e expoñer en condicións óptimas os restos, así como os traballos de control arqueolóxico precisos. Todas estas actuacións, que supoñen un orzamento máximo de 104.400 euros, inclúense no Proxecto Urban que conta cun 70% de cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER).

Noticias relacionadas