O Concello de Lugo remitiulle á Xunta en menos de quince días o estudo detalle da Casa Torre validado para que continúe coa súa recuperación

A edil Paula Alvarellos sostén que “estamos a velar porque se respecte o carácter singular do conxunto edificatorio, o único medieval desta tipoloxía que se coñece na cidade”.

Desde a área municipal de Sostibilidade Urbana se busca axilizar o proceso para que este inmoble propiedade da Xunta poida ser rexenerado tras anos de abandono.

Xoves, 14 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo remitiulle á Xunta en menos de quince días o estudo detalle da Casa Torre validado para que continúe coa súa recuperación

A área de Sostibilidade Urbana remitiulle hai uns días á consellería de Medio Ambiente a resposta de validación en positivo do estudo de detalle da Casa Torre ou Hospital de San Miguel unha vez que os servizos técnicos municipais comprobaron que a Xunta incluíra as últimas modificacións solicitadas desde o Concello, “cambios que os nosos servizos lle requiriron co fin de respectar o carácter singular da edificación”, segundo avanzou a concelleira Paula Alvarellos.

A edil lembrou que a Xunta solicitou a licenza para recuperar a Casa Torre sen presentar o estudo de detalle, que é obrigado para poder conceder este permiso de obra. “É a agregación das unidades edificatorias que integran o inmoble o que debía recoller este estudo, os números 32 e 34 da rúa Rinconada do Miño”.  Neste senso, lembra que  “o Concello debe velar porque se rehabiliten estas edificacións segundo toda a normativa de protección do patrimonio e respectando a súa estrutura, e máxime cando falamos de que é o único conxunto medieval desta tipoloxía que se coñece na cidade”, sostén, e destaca que “unha das edificacións se encosta directamente ao lenzo da Muralla e posúe unha escaleira interior paralela á mesma e que permite recuperar a conexión”.

O Concello envioulle á Xunta a resposta aos últimos cambios introducidos nun prazo menor de quince días, “porque estamos intentado acelerar e axilizar o proceso, mantendo sempre o contacto coa Consellería pola importancia que ten para a cidade que o Goberno galego recupere este espazo da súa propiedade tras anos de abandono”. Desde que a Xunta iniciou os trámites para a súa rehabilitación, “non se paralizaron os contactos nin os traballos pola nosa parte”, indicou Alvarellos.

En canto o estudo de detalle estea aprobado de maneira definitiva, a Xunta deberá optar, ou ben por  desistir da licenza anterior e pedir unha nova co estudo de detalle xa incorporado, ou modificar a solicitude xa presentada incorporando o estudo. 

Noticias relacionadas