O Concello de Lugo realiza tarefas de mantemento no Cuartel de San Fernando

Martes, 15 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou que o Concello de Lugo está realizando tarefas de mantemento do Cuartel de San Fernando. Trátase da eliminación de vexetación do patio interior e do recheo do espazo que deixaran as catas arqueolóxicas no patio.

Así, como xa se anunciara, o Concello está traballando na liña relativa aos xacementos arqueolóxicos, xa que despois das catas arqueolóxicas levadas a cabo pola Xunta, quedaron grandes ocos no patio. Ao mesmo tempo amontonouse a terra que se sacou destas catas en diversas zonas do edificio e que producen un dano as estruturas do propio edificio. A seguinte acción será retirar a terra amontonada no claustro do edificio.
Con esta actuación os operarios municipais baixo a supervisión da Área de Arqueoloxía, taparon os ocos das catas arqueolóxicas con tecido xeotextil e cunha capa de áridos no patrio de cabalerizas. 
Os traballos de mantemento comezaron en xuño coa eliminación da vexetación que cubría por completo o patio do antigo Cuartel de San Fernando pero, anteriormente, o Concello xa tivera que valar o edificio por razóns de seguridade.
Carmen Basadre explicou que “é unha verdadeira contradición que a Xunta de Galicia conceda a autorización para levar a cabo este recheo pero, sen embargo, ten unha actitude de deixadez total con este edificio tan singular e que eles mesmos nomearon BIC”. Ademais lembrou que o Alcalde leva agardando máis de dous meses por unha resposta do Presidente da Xunta de Galicia para manter unha reunión e tratar o tema do Cuartel de San Fernando e a súa conservación.
Informe Evislusa
Con anterioridade, o Concello de Lugo, encargara un informe técnico á Empresa da Vivenda e Solo de Lugo -Evislusa- para coñecer con exactitude o grao de deterioro que sofre o Cuartel de San Fernando e que avalía en 181.308 euros o custe das obras máis urxentes. 
Dacordo con este estudo, entre outras actuacións é necesario facer reparacións na cuberta para evitar a entrada de humidade ó interior do inmoble e o reforzo e apuntalamento dos forxados para manter a súa seguridade estrutural. Como se sabe, hai varias semanas que o Concello decidiu valar o edificio para garantir a seguridade dos peóns.

Multimedia

Noticias relacionadas