O Concello de Lugo propón o ingreso na Orde do Mérito Civil do Inspector da Policía Local, Jesús Piñeiro

Xoves, 26 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Pleno do Concello de Lugo acordou hoxe propoñer o ingreso do Inspector da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro Santos, para o seu ingreso na Orde do Mérito Civil.

Un recoñecemento, en consideración da unanimidade da Corporación, que se corresponde co compromiso amosado polo Xefe do Corpo Local no exercicio das súas funcións e que evidencia a relevancia do servizo, exemplar, que presta.

Dende o seu ingreso no Corpo da Policía Local de Lugo, en 1981, como Policía, Jesús Piñeiro destacou na súa traxectoria profesional, ascendendo a Cabo (Oficial) en 1984 e a Inspector en 1990, categoría que ostenta actualmente.

O hoxe Inspector Jesús Piñeiro Santos xa destacou dende o seu primeiro posto como Policía integrante de vehículos radiopatrullas dedicados á atención de chamadas e requirimentos urxentes da veciñanza, así como en tarefas de auxilio humanitario e apoio a vítimas, intervención en accidentes, operativos de tráfico e seguridade vial, etc., sendo asignado en 1985 ao Grupo Especial de Motos da Unidade de Tráfico.

No ano 1986 é asignado á Unidade Especial de Seguridade Nocturna, onde prestou servizo durante 16 anos e desempeñou numerosos servizos e operativos enfocados á mellora da seguridade e convivencia cidadá, destacando en moitos deles.

En 2003 foi asignado á Unidade Territorial de Policía de Barrio como Xefe dun dos dous Grupos Operativos da mesma. E é nestes anos cando desempeña un gran labor, con enorme profesionalidade, orientada á mellora da convivencia cidadá, así como á consecución dunha maior integración do Corpo da Policía Local de Lugo no tecido social, laboral e económico do municipio desenvolvendo ademais estas inquedanzas no seo do Grupo de Seguridade Cidadá da FEMP e en labores de profesorado na Academia Galega de Seguridade Pública, tendo sempre como unha das súas prioridades o desenvolvemento, a implantación e o funcionamento da Policía Local de Lugo como unha verdadeira policía de proximidade que permanentemente está en contacto coa cidadanía e poida dar resposta aos diferentes tipos de problemas que afectan á sociedade.

Desde o seu posto na Unidade Territorial de Policía de Barrio, e especialmente desde o ano 2019 en que foi nomeado Xefe do Corpo da Policía, deu un gran impulso ás funcións de colaboración, coordinación e cooperación coas demais Forzas e Corpos de Seguridade, tanto en materia de seguridade cidadá, como de tráfico e seguridade vial, promovendo operativos e servizos conxuntos e coordinados, a prol de mellorar os niveis de seguridade da cidade de Lugo.

Ao longo da súa carreira profesional, desempeñada con total entrega, dedicación e espírito de sacrificio, participou en numerosas intervencións policiais, detencións de delincuentes perigosos, desarticulación de bandas organizadas para a comisión de actos delitivos, salvamento de persoas, etc., resultando ferido en acto de servizo varias veces, unha delas por arma branca.

Como resultado das súas numerosas intervencións e servizos recibiu varias felicitacións das autoridades e órganos competentes do Concello de Lugo, recibindo tamén a medalla de permanencia da Xunta de Galicia e a cruz de ouro, prata e encomenda ao servizo policial. Ademais o seu labor en prol da cidadanía foi recoñecida ao ser distinguido pola Asociación de Veciños, comerciantes e industriais de Lugo como “Milagrosista do ano” e pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo “Lucus Augusti” como “Veciño exemplar”.

Mención aparte merece o seu traballo e o labor desenvolvido ao fronte do Corpo da Policía Local durante o estado de alarma decretado pola emerxencia sanitaria provocada polo COVID – 19.

Foi esta unha situación en que por primeira vez os Corpos da Policía Local quedaban baixo as ordes directas do Ministerio do Interior, séndolles asignadas unhas funcións de vital importancia para o cumprimento da normativa do Goberno da Nación e para o importante reto de superar a crise sanitaria, entre elas a de comprobar, e no seu caso, impedir que se levasen a cabo os servizos e actividades suspendidas, velar polo cumprimento das limitacións sobre circulación de persoas e vehículos, dar apoio ás autoridades sanitarias e ás disposicións que estas adoptasen para o aseguramento do subministro de bens e servizos necesarios para a protección da saúde pública, o apoio ás medidas restritivas en relación á actividade comercial, apertura de establecementos e actos de culto e tarefas de colaboración e apoio aos operadores críticos e de servizos esenciais, etc.

Durante o período no que estivo vixente o Estado de Alarma, a Policía Local de Lugo, contando coa eficaz, continua e permanente disposición do Inspector Jesús Piñeiro Santos ao seu fronte, de forma incansable, con total entrega e pese á merma de efectivos pola entrada en vigor da normativa de xubilación anticipada, realizou un extraordinario esforzo e un traballo impecable, levando a cabo múltiples accións para asegurar o cumprimento da normativa estatal, contribuíndo en gran medida á contención do virus na poboación, poñendo en moitos casos a súa integridade física en risco polas intervencións de perigo que levaron a cabo, prestando en múltiples ocasións auxilio e axuda humanitaria á poboación, incluso a persoas que tiñan ou tiveran o virus do COVID- 19 e sen dubidalo un só momento afrontaron todo iso con decisión, valentía, profesionalidade, más aló incluso do cumprimento do seu deber.

Motivos, todos eles, polos que a Corporación local decidiu propoñelo hoxe para a devandita condecoración.

Noticias relacionadas