O Concello de Lugo promove a doazón de lentes usadas para previr a cegueira en Marrocos, Burkina Faso e Guatemala

A alcaldesa, Lara Méndez, iniciaba hoxe na Praza Maior a campaña solidaria que nos próximos días chegará a Augas Férreas, Fonte dos Ranchos, a Milagrosa e Horta do Seminario.

As persoas que queiran colaborar poderán depositar as súas lentes nun colector específico que se habilitará ao efecto, entre as 09:00 e as 20:30 horas.

Xoves, 14 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo promove a doazón de lentes usadas para previr a cegueira en Marrocos, Burkina Faso e Guatemala

O Concello de Lugo, a través da área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, promove estes días a doazón de lentes usadas en colaboración coa ong Medicus Mundi, Urbaser e co grupo General Óptica.

A rexedora, Lara Méndez, foi a encargada de dar comezo esta mañá, á campaña solidaria depositando varios pares de lentes no colector que se habilitou ao efecto na Praza Maior e que, durante os próximos días, até o 20 de outubro, irá rotando por diferentes puntos da capital.

“Convidamos á cidadanía lucense a sumarse á iniciativa e a darlle aos seus lentes vellos, que xa non precisa nin utiliza, unha segunda vida. Cun xesto simple, deixándoos neste contedor, contribuímos a previr a cegueira entre a poboación máis vulnerable de Marrocos, Burquina Faso e Guatemala onde Medicus Mundi desenvolve diversas accións en prol da saúde visual de persoas sen recursos”, animou Lara Méndez.

Ao acto tamén asistiron Luis Casado, presidente de Medicus Mundi Norte, Mari Cruz Cuevas, presidenta da Federación de Asociacións Medicus Mundi de España (FAMME) e Miguel García Liñares, delegado de Urbaser en Lugo que destacaron a transcendencia da iniciativa e tamén da cooperación social e institucional para combater unha afección que, segundo indica a propia Organización Mundial da Saúde, contando cos medios precisos e cunha boa prevención, sería evitable nun 80% dos casos detectados en todo o mundo.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, indicou que a campaña continuará mañá, venres 15, coa instalación do punto de recollida na Praza de Augas Férreas e se retomará o luns 18 na Praza da Fonte dos Ranchos, o martes 19 na da Milagrosa e finalizará o mércores 20 na Praza Horta do Seminario, onde a veciñanza lucense poderá depositar os seus lentes vellos entre as 09:00 a 20:30 horas.

Así mesmo, poderán deixarse no Punto Limpo (rúa dos Carros) até o próximo mércores en horario de 10:30 – 13:00 e 16:00 – 20:00 horas.

“Ogallá consigamos entre todos e todas que a achega lucense resulte moi significativa”, concluíu o tenente de alcaldesa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a campaña de recollida de lentes | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo promove a doazón de lentes usadas para previr a cegueira en Marrocos, Burkina Faso e Guatemala

Noticias relacionadas