O Concello de Lugo pretende que as subvencións de 2010 primen ás entidades que promovan a paridade

Xoves, 17 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presidiu esta mañá o Foro de Igualdade no que se acordou estudar a posibilidade de que as subvencións que o Concello conceda no ano 2010 primen ás entidades que promovan a paridade, tanto nas súas estruturas como nos órganos de dirección e xuntas directivas.
No Foro de Igualdade celebrado hoxe Carmen Basadre deu conta ademais das actividades levadas a cabo en relación co Día da Violencia de Xénero e avanzou as novas accións a desenvolver no ano próximo por parte da súa Concellería.

Así, explicou que as traballadoras sociais do Concello recibirán 8 horas de formación sobre a detección e intervención contra a violencia de xénero. Durante o mes de marzo as xornadas irán destinadas ás traballadoras dos pisos de acollida mediante charlas de 2 horas.

A continuación a formación irá destinada ás educadoras sociais. Así mesmo, desenvolverase unha xornada para os animadores e animadoras deportivas do Concello, así como para os monitores/as socioculturais sobre temas de igualdade.

Encargaranse de impartir os contidos das xornadas os técnicos de igualdade e a traballadora social da Casa da Muller.

Na xuntanza de hoxe tamén se lles pediu aos integrantes do foro que acheguen as súas propostas para a celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller.

No mes de febreiro o foro prevé reunirse de novo e avanzar nas propostas presentadas.

Por último, na reunión de hoxe acordouse falar coas asociacións de veciños e colexios profesionais para animalos a que cambien as denominacións das súas entidades e que elixan xuntas directivas paritarias.

Noticias relacionadas