O Concello de Lugo presentará antes de finais de ano o Plan de Mobilidade co obxectivo de consensualo coa cidadanía

Xoves, 19 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* O ano próximo levarase a cabo unha campaña de pintura dos pasos de peóns da cidade con cargo ao FEIL
* O Concello de Lugo, ao igual que os demais Concellos nos que se implantará o modelo do transporte metropolitano, está á espera do pronunciamento do Goberno galego

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, deu conta esta mañá de que antes de que remate o ano o Concello de Lugo presentará o Plan de Mobilidade co obxectivo de que sexa un proxecto consensuado. Trátase de que sexa “consensuado con todos, cos axentes sociais, coa oposición, coa cidadanía”, destacou. Así llelo trasladou aos participantes na Comisión de Tráfico celebrada esta mañá.

José Rábade subliñou que a empresa pública encargada de elaborar o proxecto realizou o seu traballo e recoñeceu que se trata dun plan de suficiente envergadura como para que puidera sufrir algún retraso, derivado das novas necesidades como as que supoñen os viais que levan ao Novo Hospital.

Dispositivos de tráfico
José Rábade ofreceu os datos dos radares instalados na Ronda da Muralla e do fotorroxo e indicou que a posta en marcha destes dispositivos está a cumprir o obxectivo, colaborando a que os cidadáns circulen con precaución a favor da seguridade viaria e cidadá.

No mes de xullo rexistráronse 349 denuncias do fotorroxo, 326 en agosto, 376 en setembro e 550 en outubro, coincidindo co San Froilán. “Os datos, salvando o mes de outubro no que a afluencia de tráfico é maior debido ás festas, reflicten unha tendencia á baixa”, expuxo.

En canto ao radar, o Concelleiro explicou que as sancións se comezarán a notificar a partir do 5 de outubro, data na que foi homologado por metroloxía, de xeito que os datos anteriores servirán como cifras orientativas sobre o comportamento dos condutores.

No mes de outubro o total de sancións ascende a 350, mentres que ata o día de hoxe se rexistraron 247 infraccións confirmándose igualmente unha tendencia á diminución.

O Concelleiro de Protección da Comunidade referiuse así mesmo ao número de atropelos rexistrados na cidade, indicando que se ten reducido, aínda que non o desexable que sería a súa inexistencia. En 2007 rexistráronse 62 atropelos, 53 en 2008 e 49 no ano en curso.

En 31 dos casos a culpa foi do condutor por non respectar a prioridade de paso, en 9 casos de peón e en 13, foron casos compartidos. Nese sentido, avanzou que desde o Concello de Lugo se seguirán levando a cabo campañas de sensibilización que permitan que a cifra chegue a ser 0.

Para contribuír a mellorar a sinalización viaria, José Rábade explicou que o ano próximo se levará a cabo unha campaña de pintura dos pasos de peóns da cidade con cargo ao FEIL.

Transporte metropolitano
En relación co transporte metropolitano, José Rábade explicou que recentemente se ven de reiterar á Xunta a aceptación do protocolo pactado entre 8 concellos limítrofes de Lugo para o establecemento do transporte interurbano. O protocolo responde a un acordo asinado entre a Concellería de Política Territorial e os Concellos beneficiados. O Concello de Lugo, ao igual que os demais Concellos nos que se implantará o modelo do transporte metropolitano, está á espera do pronunciamento do Goberno galego.

Multimedia

Noticias relacionadas