O Concello de Lugo presenta unha Conta Xeral do 2019 que certifica a execución do 90% do investimento comprometido

O balance constata, ademais, a solvencia da Administración local que mantén cero débeda financeira e un gasto medio por habitante de 795’46 €

Os padróns fiscais dese exercicio recoñecen 89 millóns de euros de recadación, un saldo tributario que se axusta ao 97’82% da estimación inicial. A 31 de decembro máis do 84% xa fora ingresado

O período medio de pago a provedores mantívose nunha media de 10’4 días, rebaixando ata un terzo o prazo legal establecido

Xoves, 26 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo presenta unha Conta Xeral do 2019 que certifica a execución do 90% do investimento comprometido

A Conta Xeral do 2019 certifica que o Concello de Lugo executou nese ano o 90% do investimento comprometido polo goberno durante ese exercicio.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, ofrecía hoxe un pequeno adianto do balance económico que o vindeiro luns trasladará ao conxunto da Corporación durante a celebración dunha Comisión de Contas convocada ao efecto.

Na súa exposición, a concelleira referiu que en 2019 a institución efectivizou o pago de 78’4 millóns de euros dos 86.864.498’99 € que se adxudicaron.

“É dicir, empregamos máis do 75% dos fondos dispoñibles (114.841.121’04 €) e os executamos nun 90’25%. Cartos que serviron para facer fronte ao pagamento dos bens e servizos nos que se sustentan todas as prestacións municipais (abastecemento de auga, recollida de lixo e limpeza viaria, iluminación pública, axudas de alugueiro e emerxencia social, funcionamento dos centros de convivencia, actividades de dinamización en xeral, programación cultural e de ocio, reparacións de firme, etc...) pero cos que tamén atendemos os custos de persoal e se sufragan os proxectos licitados”, indicou.

Pese a que en 2019 os orzamentos estaban prorrogados e carecían de capítulo de investimentos reais o Concello realizou un gasto medio por habitante de 795’46 €

Nese senso, Paula Alvarellos lembrou que “en 2019 tivemos un orzamento prorrogado e, polo tanto, carente do capítulo de investimentos reais. Sen embargo, a solvencia económica da que dispoñemos nos permitiu incorporar 34.677.523’69 euros dos remanentes de tesourería cos que, en boa parte, se consignaron diferentes procedementos hoxe xa, obras tanxibles e reais que previamente precisaban da habilitación de crédito” e aludiu, como exemplo, á humanización de Quiroga Ballesteros, ao repintado da sinalización horizontal da cidade, ás reformas nos Centros de Convivencia, á pasarela sobre a N VI, ou ao novo parque infantil da Praza de Bretaña e outras melloras nas zonas de xogo da cidade, así como ao abastecemento de auga en varias parroquias do rural, á mellora da drenaxe en distintos puntos da cidade... etc, “incrementando o gasto por habitante até os 795’46 €”.

A incorporación de novos protocolos internos permitiu axilizar o pagamento de facturas e diminuír até os 10’4 días o PMP

A responsable de Gobernanza avanzou igualmente que os indicadores económicos que reflicte a Conta Xeral ratifican a suficiencia financeira do Concello e nomeou variables como a solvencia a curto prazo, que se sitúa no 447’90% ou a liquidez inmediata, calculada no 225’15%.

“Isto propiciou tamén que durante 2019 puidéramos rebaixar o Período Medio de Pago a Provedores até os 10’4 días de media, cando a marxe legal son 30, reducíndoa practicamente a un terzo”, engadiu.

A recadación tributaria, que supera os 89 millóns de euros, axustouse nun 97’82% á súa estimación inicial

Xa por último, a edil fixo mención ao capítulo de ingresos, sinalando que o 2019 arroxou un saldo de 89.114.300’19€ en dereitos recoñecidos, que se axustou nun 97’82% á estimación inicial prevista.

“Inclúense nestas partidas os impostos directos e indirectos e tamén as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes ou os ingresos patrimoniais. De todos eles, só o 16% quedou pendente de cobro a 31 de decembro”, abondou.

Paula Alvarellos facilitou tamén as cifras dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais como pode ser o IBI (21.608.342’26 €) ou a Rodaxe (5.861.865’33 €), que supoñen o 24’7% e o 6’71%, respectivamente, dos ingresos totais e tamén a máis simbólica como é o gravame dos quioscos que ascendeu a 220’60€.

“En definitiva – rematou a concelleira de Gobernanza - trátase dunha Conta Xeral que, unha vez máis, pon de manifesto que o Concello de Lugo é unha administración solvente, saneada, que amosa un balance positivo e que ademais traballa e se esforza cada ano, para mellorar os indicadores económicos que así nos definen”.

Agradecemento ao persoal municipal

Alvarellos Fondo aproveitou para enxalzar o labor das e dos técnicos municipais da área Económica que, “sen desatender o resto de tarefas ordinarias que teñen encomendadas, como é a elaboración desta Conta, presentada en tempo e forma - o que tamén evidencia o seu bo facer - atenderon igualmente ás prioridades determinadas pola alcaldía, nun ano especialmente complexo, no que amosaron un compromiso absoluto co esforzo que neste 2020 fixo a administración para axilizar o pagamento de facturas e dotar de liquidez, en plena pandemia, ao tecido produtivo local”.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as Contas Xerais 2019 | Descargar mp3

Noticias relacionadas