O Concello de Lugo presenta o programa Diversiarte 2009 con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Martes, 01 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou xunto a representantes de asociacións de persoas con discapacidade da cidade o programa deseñado polo Concello de Lugo para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o vindeiro 3 de decembro en todo o mundo.

Na presentación acompañaron á edil Mónica Álvarez, de Cogami, e María Jesús Fauste de AGAFI, en representación das 21 asociacións que colaboraron co Concello de Lugo para organizar estes actos conmemorativos.

Esta serie de actividades están destinadas a chamar a atención sobre a necesidade de garantir a consecución dos dereitos cidadáns en igualdade e superar as barreiras mentais. A Concelleira alabou todo o traballo que levan desempeñando as diferentes asociacións da cidade neste eido e que son unha mostra de que co empeño e con traballo son capaces de acadar grandes metas.

As actividades tamén teñen como obxectivo concienciar das barreiras que enfrontan as persoas con discapacidade no mercado laboral e difundir os esforzos destinados a superalas que levan a cabo os gobernos e as asociacións. Nesta ocasión farase especial fincapé na situación de desamparo que poden sufrir as persoas con discapacidade nunha situación económica como a que se está a vivir. A Concelleira destacou que “para que esto no suceda debemos traballar cada día poñendo os medios precisos para acadar a igualdade e integración das persoas con discapacidade en todos os eidos: laboral, social, político…” Neste senso o Concello está a traballar en programas de emprego como Lugo Contigo, no transporte adaptado, mellorando a accesibilidade das rúas da cidade e dos edificios públicos, as axudas para adaptar as vivendas, etc.

O programa de actividades Diversiarte desenvolverase entre os días 2 e 4 de decembro. Os actos arrincarán ás 12:15 horas de mañá mércores, 2 de decembro, coa inauguración do Mercadillo Solidario que se instalará no fondo da Praza Maior e permanecerá aberto os días 2, 3 e 4 de decembro, entre as 11:30 e as 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 20:30 horas pola tarde. No mercadillo venderanse obxectos que realizan os membros destas asociacións, que representan a colectivos con distintas discapacidades, e que están normalmente á venda. Poderanse mercar postais e todo tipo de obxectos solidarios, que se converten nunha boa opción como agasallos de Nadal. Cada asociación terá ademáis o seu propio posto,  no que ofrecerá información sobre o seu traballo.

O 3 de decembro, con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Alcalde de Lugo participará na lectura un manifesto ás 13:00 horas, no que chamará a atención sobre a necesidade de garantir os dereitos cidadáns en igualdade.

A Concelleira lembrou que o cartel anunciador destas xornadas foi elaborado por Down Lugo. O autor gañador, elaborou a súa obra co obxectivo de sensibilizar e promover a idea de que na diversidade é posible a igualdade. O seu deseño, como se establecía nas bases do concurso, destaca a discapacidade como unha relación co contorno, considerando con especial interese a representación de valores como a diversidade, dignidade, recoñecemento, vida independente, así como inclusión e participación social, en definitiva, os dereitos humanos.

Os traballos presentados a este concurso de deseño gráfico serán expostos entre o 2 e o 4 de decembro no Centro de Convivencia Maruja Mallo.

Multimedia

Noticias relacionadas