O Concello de Lugo pon en marcha unha Oficina de Información Europea pioneira en Galicia

Martes, 15 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou a posta en marcha de forma inmediata da primeira Oficina de Información Europea que pon en funcionamento un Concello en toda Galicia.

É un proxecto pioneiro co que o Concello de Lugo trata de dar resposta á demanda de información da mocidade lucense sobre aspectos relacionados co mercado laboral europeo e coa súa formación no estranxeiro.

Esta Oficina, dirixida especialmente á mocidade, estará ubicada no complexo CEI-NODUS e comezará a funcionar de inmediato, ofrecendo información relacionada coa mobilidade xeográfica, as prácticas laborais en empresas, e o emprego nos países da Unión Europea.

Sonia Méndez destacou que o obxectivo prioritario desta aposta do Concello "é achegar a Unión Europea aos mozos e mozas lucenses. Farase a través de distintas vías: de forma directa presencial cun técnico municipal, e mediante ferramentas informáticas que permitirán que calquera acceda a esta información a través de internet dende a súa propia casa".

A Concelleira fixo fincapé na necesidade de garantir unha boa formación, "para o Alcalde é unha prioridade que a mocidade lucense compita pola súa boa formación e nunca por salarios baixos".

Éxito de Lugoqualitas
De feito, como explicou Sonia Méndez, o Concello de Lugo ten moita experiencia en proxectos europeos, tal e como o demostra a boa resposta obtida por iniciativas como Lugoqualitas que permitiron a 7 mozas e mozos lucenses facer prácticas en empresas de Italia.

As titulacións dos participantes foron:
- Desenvolvemento de aplicacións informáticas
- Monitor deportivo
- Bioloxía
- Laboratorio e análise clinica
- Perruquería
- Educación infantil.

O proxecto Lugoqualitas, tamén foi unha iniciativa pioneira. Estaba promovido polo Concello de Lugo -ao abeiro do programa de mobilidade Leonardo da Vinci- e contempla a organización de prácticas profesionais en Italia, Polonia e Reino Unido para rapazas e rapaces lucenses titulados nos 3 últimos anos en Formación profesional e/ou universitarios, que se atopen no mercado laboral ou en disposición de acceder ao mesmo.

Neste momento está aberto o prazo para inscribirse na segunda fase do programa, para facer prácticas ao longo de 13 semanas en empresas de Polonia e Reino Unido. Están libres 20 prazas e os requisitos que deben cumprir os mozos son:
 
-Mozos/as titulados nos tres últimos anos en formación profesional e carreiras universitarias.

-Menores de 30 anos.

-Preferencia para empadroados en Lugo, ainda que poden participan de calquera outro lugar.

Máis Información:
Centro de Empresas e Innovación (CEI)
Avda. da Coruña 490 (antigo cuartel de Garabolos)
Tfnos: 982 297361 - 982 297473
e-mail: paula.gamazo@concellodelugo.org

Satisfacción dos participantes
A Concelleira de Economía e Emprego recibiu na Casa do Concello aos 7 participantes da primeira fase de Lugoqualitas. Os mozos e mozas explicaron a súa satisfacción polo traballo realizado, e explicaron que foi unha magnífica experiencia ter a oportunidade de coñecer a forma de traballar noutros paises, as distintas culturas, e adquirir experiencia para a resolución de problemas e de situacións diversas, nun mercado de traballo cada vez mais competitivo, multidisciplinar e plural. Todos eles coincidiron en que repetirían esta experiencia.

No mes de setembro partirán, tamén para Italia,  tres persoas mais xa seleccionadas.

Noticias relacionadas