O Concello de Lugo pon en marcha unha campaña de sensibilización contra o botellón

Xoves, 27 de decembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Baixo o nome Lugo non ten por que estar de resaca, o Concello de Lugo pon en marcha unha novidosa campaña de sensibilización da mocidade lucense. O obxectivo é facer que os máis novos comprendan que a cidade é un espazo no que vivimos todos e que, polo tanto, debemos respectalo para vivir mellor e en harmonía.

A Concellería de Muller e Servizos Sociais, dende o Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, pon en marcha esta iniciativa coincidindo coas datas de Nadal nas que o consumo de alcohol se incrementa, nalgúns casos, entre os máis novos.

O obxectivo desta campaña, que hoxe presentou a Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, é sensibilizar á mocidade, ás nais e pais e á comunidade en xeral, dende un punto de vista cívico.

Mediante imaxes nas que se contrapón a cidade na que gozamos todos, con aquela na que só disfrutan uns poucos, e preguntas como: cres que merecen isto?, o Concello pretende contribuir a que os rapaces e rapazas reflexionen sobre o seu comportamento en ocasións pouco respectuoso e solidario co contorno e os veciños.

Poranse na rúa 7.000 dípticos informativos que reflicten situacións reais do aspecto no que moitas veces nos atopamos a cidade que, como explica a información “ó día seguinte segue a ser a túa cidade”. Editáronse tamén 300 carteis que serán colocados pola zona centro de Lugo, nos locais de hostalería, centros comerciais, de ocio e deportivos.

Tamén se colocarán unhas pegatinas de grandes dimensións para sinalar os 8 colectores que estarán visibles en zonas determinadas, para fomentar o civismo entre os mozos.

O Concello segue apostando pola concienciación dos máis novos e da comunidade para combater o que xa está considerado como un fenómeno social, por iso continuarán as intervencións de monitores nas zonas habituais de botellón. Dende que comezaron, hai tres anos, xa levan máis de 20 intervencións con mozos e mozas na cidade. Co novo ano continuarán informando dos riscos que implica o consumo excesivo de alcohol, as consecuencias negativas na saúde a curto e longo prazo e a necesidade de ter un comportamento cívico que garanta a convivencia entre todos. Tamén entregarán bolsas para recoller o lixo.

Programa de prevención Entre Lusco e Fusco
Carmen Basadre, tamén presentou a revista de divulgación para nais e pais Entre Lusco e Fusco.

O obxectivo desta publicación, da que se repartirán 5.000 exemplares, é servir de apoio ás familias nas pautas educativas que son básicas para a prevención, e axudarlles a pensar e reflexionar en aspectos que ás veces non parecen importantes.

Segundo explicou Basadre, é tan importante educar ós fillos para que non consuman, como para que saiban enfrontarse a que outros rapaces e rapazas si o fagan.

Xa se entregaron 5.000 exemplares deste primeiro número a todas as familias lucenses que teñen fillos escolarizados no Ensino Primario.

Noticias relacionadas