O Concello de Lugo pon en marcha o servizo de aluguer de bicicletas Rebicíclate

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade e o Director do INEGA Xoán Ramón Doldán García, presentaron o novo servizo de aluguer de bicicletas que será gratuíto en Lugo ata o ano 2008.

Rebicíclate, nome que recibe esta nova oferta do Concello de Lugo para a cidadanía, ten como obxectivo que os lucenses se reciclen, que cambien o “chip” e que comecen a ver as bicicletas como un medio de transporte alternativo máis beneficioso para o Medio Ambiente.

Non é un deporte nin unha diversión só para o verán, senón que permite percorrer a cidade mellorando o grao de utilización do espazo público, o abastecemento enerxético de Lugo, a saúde dos lucenses e tamén reduce o ruído ambiental e as emisións contaminantes.

A intención do goberno local é potenciar o uso da bicicleta, aproveitando ademais as conexións coas paradas dos autobuses urbanos. De feito, a primeira base que se inaugura está situada na rúa Alcalde Ángel López Pérez ó carón dunha marquesina do bus.

En total poranse en marcha cinco bases e circularán arredor de 100 bicicletas perfectamente identificadas pola cidade. Terán un horario de 9:00 a 18:00 horas entres os meses de outubro a marzo e de 9:00 a 22:00 horas o resto do ano. Unha vez comprobada a resposta da cidadanía, estudarase a ampliación das bases e tamén dos horarios de uso.

O funcionamento de Rebicíclate é moi sinxelo. As persoas que desexen inscribirse poderán facelo na Oficina de Turismo Municipal situada na Praza da Constitución cubrindo unha solicitude. O documento que hai que cumplimentar tamén estará dispoñible na páxina que Rebicíclate terá, dende o luns, na web municipal: www.lugo.es.

Haberá que deixar unha fotocopia do DNI e o usuario recibirá unha tarxeta persoal coa que poderá retirar calquera das bicicletas dispoñibles.

Cumprir as normas de circulación

É fundamental que os usuarios deste servizo cumpran as normas de circulación, para evitar accidentes nas rúas da cidade. Aquí entra en xogo a educación vial de todos os lucenses que deberán respectar e coñecer a normativa de tráfico. Para garantir o correcto uso haberá en cada base cámaras de videovixilancia.

Rebicíclate comeza andar o vindeiro luns 24 de setembro con dúas bases en marcha, a da Rúa Alcalde Ángel López Pérez e a da Avenida da Coruña. Progresivamente entrarán en funcionamento as outras tres bases: Bernardino Pardo Ouro (zona do Campus), xardíns de Simón Bolivar e Praza do Ferrol. Se a iniciativa ten unha boa acollida, ampliarase o número de bases e de bicicletas.

Esta acción está incluída dentro do Convenio de colaboración asinado co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano na cidade, en lugar do automóbil. Por este motivo o Concello decididiu que o servizo sexa gratuíto ata o 1 de xaneiro do ano 2008, a partir desa data a emisión da tarxeta terá unha fianza de 3 euros e a primeira hora de cada uso será totalmente gratuíta. A partir da segunda hora, haberá que pagar un euro cada 30 minutos.

A inauguración desta primeira base está enmarcada na Semana da Mobilidade 2007 e ó acto asistiron ademais do Alcalde de Lugo, o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, o Director do INEGA, Xoan Ramón Doldán García, distintos concelleiros e os voceiros dos grupos municipais.

Noticias relacionadas