O Concello de Lugo pon en funcionamento de novo as asesorías para informar aos mozos e mozas lucenses

Martes, 01 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Hoxe comezan a funcionar de novo as asesorías xuvenís que dependen da Concellería de Xuventude que dirixe Rosana Rielo.

O obxectivo que persegue o Goberno Local coa posta en marcha destas asesorías é axudar aos mozos e mozas a afrontar as inquedanzas que lles poden xurdir coa súa incorporación ao mundo adulto, ofrecéndolles un asesoramento cualificado que lles axude a despexar este tipo dúbidas. Por iso o Concello mantén as seguintes asesorías:

-Unha asesoría xurídica, da que se encarga un Licenciado en Dereito.
-Unha asexoría (asesoría sexual), da que se fai cargo unha Diplomados en Enfermería.
-Unha asesoría psicolóxica, da que será responsable unha Licenciada en Psicoloxía.

Estas asesorías están dirixidas á mocidade da cidade de Lugo con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos. Nembargante, atenderase a todas aquelas persoas que non estean comprendidas neste intervalo,  pero tendo en conta que sempre ten prioridade o sector xuvenil.

As asesorías estarán en funcionamento co seguinte horario:

  Luns Martes Mércores Xoves Venres
17:30 a 19:00 ASEXORÍA PSICOLÓXICA      
19:30 a 21:00 XURÍDICA   XURÍDICA ASEXORÍA PSICOLÓXICA

Cursos para a mocidade
Por outra banda, a Concellería que dirixe Rosana Rielo ampliou o prazo para inscribirse nos curso de Linguaxe de Signos e no curso de Maxia destinados á mocidade lucense.

- O curso de linguaxe de signos de nivel intermedio que contará cunha duración de 150 horas. No curso terán preferencia as persoas que participaron nos cursos de iniciación de edicións anteriores. Este curso desenvolverase os martes, mércores e xoves desde a vindeira semana ata o 29 de decembro. O horario será de 18,00 a 21,00 horas. O número de prazas é de 15.

O curso está destinado a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. A matrícula será de 30 euros e para conseguir o diploma é necesario non ter máis de 6 faltas.

As clases desenvolveranse no centro de convivencia de Fingoi e será impartido por ALUSOR (Asociación Lucense de Xordos). É o terceiro curso de grao intermedio que se imparte no Concello de Lugo.

- O curso de maxia comezará o 5 de setembro de 2009 e rematará o 27 de novembro. Vai ser impartido polo mago Rafa e desenvolverase no CEI os sábados de 11,30 a 13,00 horas. Ao remate do mesmo realizarase unha actuación na que participarán todos os alumnos.

O curso está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos e o número de prazas ofertadas é de 20. A matrícula é de 15 euros a ingresar no momento de inicio da actividade.

Para conseguir o diploma do curso é necesario non ter máis de dúas faltas.

Para obter máis información sobre os cursos presentados hoxe, os interesados poden chamar ao teléfono 982.29.74.96 ou dirixirse á Oficina de Información Xuvenil en horario de mañá (10,00 a 14,00 horas e 16,30 a 19,00 horas de luns a venres).

Oficina de Información xuvenil: OIX
Centro Social Uxío Novoneyra
Quiroga Ballesteros 1

Noticias relacionadas