O Concello de Lugo participa na campaña de concienciación cidadá para conmemorar o Día das Nacións Unidas

Na Casa Consistorial ondea xa e ata o 25 de outubro a bandeira das Nacións Unidas con motivo do seu 75 aniversario

Martes, 20 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo participa na campaña de concienciación cidadá para conmemorar o Día das Nacións Unidas

Na Casa Consistorial do Concello de Lugo ondeará a bandeira das Nacións Unidas ata o 25 de outubro. A alcaldesa Lara Méndez avanzou que “o Concello se suma con este xesto, por primeira vez, a campaña de concienciación deste organismo, con motivo do seu 75 aniversario”, que celebrará o seu día internacional o próximo día 24. A petición de colaboración foi trasladada pola Asociación para as Nacións Unidas de España ( ANUE).

No ano 1947 declárase o día 24 de outubro como o Día das Nacións Unidas co obxectivo de dar a coñecer o fin e as actividades da organización en todo o mundo. Proclamouse nunha Asemblea levada a cabo polo Consello de Seguridade da ONU como unha forma de conmemorar e celebrar o aniversario da Carta das Nacións Unidas.

Dita resolución foi asinada por unanimidade por todos os países membros. Posteriormente, no ano 1971, a Asemblea Xeral recomendou aos seus membros para ter presente esta data como un día festivo.

O Concello de Lugo quere lembrar así a importancia desta institución, que naceu co obxectivo de fomentar a paz e a seguridade internacionais, fomentar relacións de amizade entre os distintos países, lograr a cooperación internacional para solucionar problemas globais e servir de centro que harmonice as accións das nacións.

Noticias relacionadas