O Concello de Lugo paga as facturas en menos tempo do que obriga a lei antimorosidade e segue a diminuír o prazo no que fai os pagos ós provedores

Martes, 25 de setembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión de Contas tamén autoriza a declaración de interese público dunha empresa que se vai instalar no Ceao e poderá beneficiarse da bonificación no ICIO

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, informou hoxe de que o Concello de Lugo paga as súas facturas moi por debaixo do tempo máximo establecido pola lei antimorosidade.

No segundo trimestre o Concello volveu reducir o tempo medio de pago ós provedores que se situou de media en 26 días. Segundo explicou a Concelleira de Economía a redución de 59 a 26 días foi posible grazas ó establecemento dun rexistro de facturas en Intervención, un sistema que facilita que se tramiten con moita máis axilidade os pagos, ó centralizarse o rexistro das facturas nun único servizo que tramita e dá traslado das mesmas ás distintas dependencias para que dean a súa conformidade.

Sonia Méndez tamén informou de que no caso das facturas nas que se superou ese tempo medio o exceso é só de 24 días e explicou que esa circunstancia dáse no caso de facturas que plantexan incidencias de distinto tipo como a presentación fóra de prazo, que no caso de producirse fóra do exercicio no que se fixo o traballo obrigan a levalas a recoñecemento extraxudicial, as que necesitan ser trasladadas á Axencia Tributaria por se son debedoras dela, ou que teñen outro tipo de incidencias como endosos ou outros dereitos de crédito.

Os datos presentáronse hoxe na Comisión de Contas, que tamén lle deu o visto bo á Conta Xeral de 2011 como paso previo á súa aprobación definitiva polo Pleno.
Logo de someterse a información pública non se presentou ningunha alegación.

Méndez explicou que “unha vez que a aprobe o Pleno, darase traslado da Conta Xeral de 2011 e os seus documentos ós órganos correspondentes para a súa fiscalización, como son o Consello de Contas e o Tribunal de Contas”. Un ano máis o Concello de Lugo vaina presentar para a súa fiscalización dentro do prazo legalmente establecido, que remata o día 15 de outubro.

A Comisión de Contas acordou tamén, por unanimidade, a declaración de interese público da instalación dunha nova empresa que se vai implantar no polígono das Gándaras, o que lle permitirá beneficiarse da bonificación do 50% no ICIO establecida polo Concello para animar ás empresas a instalarse no novo polígono empresarial de Lugo. Para que se beneficie deste incentivo municipal o único trámite pendente agora é a súa aprobación, prevista na sesión plenaria que celebrará o luns o Concello.

“Esta será a segunda empresa que conseguirá a declaración de interese público do Pleno, que creará postos de traballo na nosa cidade” manifestou Méndez, quen explicou que se trata dunha firma do sector da pintura. 
 

Multimedia

Noticias relacionadas