O Concello de Lugo organizará unhas xornadas con expertos de ámbito nacional e internacional sobre a posta en valor dos museos e do patrimonio romano

A alcaldesa Lara Méndez sostén que “coñeceremos de primeira man experiencias xa en marcha onde os Museos son importantes elementos dinamizadores da cultura, da economía e do turismo, como o será o Cuartel de San Fernando para Lugo”.

Venres, 27 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, atendendo ao compromiso adquirido pola rexedora, Lara Méndez, coa Plataforma Cidadá na Defensa da Rehabilitación do Cuartel de San Fernando, está organizando unas xornadas de debate, análise e conferencias sobre a posta en valor do patrimonio galaico romano na que participarán xestores culturais e patrimoniais, arqueólogos e expertos nacionais e internacionais. 

“O obxectivo é dar a coñecer de primeira man o traballo e as experiencias que se desenvolven noutras cidades, administracións e institucións para coidar e dinamizar o potencial do seu patrimonio desde un punto de vista museográfico, arqueolóxico,  turístico e económico”, sostivo a alcaldesa.

As xornadas, de carácter divulgativo e que se desenvolverán en primaveira, se están organizando da man do historiador Adolfo de Abel Vilela e do arqueólogo municipal, Enrique González Fernández.

A rexedora avanzou que “o Museo da Romanización de Galicia que o Goberno local e a sociedade lucense defenden para o Cuartel de San Fernando debe ser un elemento dinamizador para a nosa cidade como outras instalacións semellantes o está a ser xa noutras cidades de España e de fóra do noso país”.

“Lugo - engade Lara Méndez - ten unha oportunidade única de aproveitar todo o seu potencial histórico e patrimonial para converterse nun referente do noroeste español, e debemos saber aproveitala. Iso pasa por recuperar o Cuartel de San Fernando, que se encontra en pleno corazón da urbe romana, como o gran Museo da Romanización”.

Noticias relacionadas