O Concello de Lugo organiza unha nova programación de concerto didácticos da Banda Municipal de Música nos colexios

Nesta ocasión proponse unha viaxe no tempo para que os nenos e nenas dos colexios de Lugo difruten e coñezan a historia da música 

Xoves, 12 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promocion da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo Director da Banda Municipal de Lugo, Rosendo Ivorra, e o Director da Escola da Municipal de Música, Armando Morales, presentaron a nova programación de Concertos Didácticos 2015.

Esta actividade, que cumpre o seu terceiro ano, permite ensinar aos nenos e nenas de entre 3 a 12 anos, os diferentes tipos de instrumentos musicais e achegarse á música en vivo de maneira didactica. Durante a actividade, que ten unha duración aproximada dunha hora, na que a través da música se fai un repaso pola historia da música.

Nesta nova edición a Banda e Escola Municipal de Música propoñen un viaxe musical ao longo do tempo. Así, dun xeito lúdico e divertido, os rapaces escoitarán música gregoriana, a Cantiga Santa Maria, Estrela do Dia do Rei Afonso X, un Te deum de Antoine Charpentier, Minuetto da Pequena Serenata Nocturna de Mozart, Fragmento primeiro movemento da 5º Sinfonia de Beethoven, Coro de niñeras da zarzuela Agua, azucarillos y aguardiente, Alborada de Pascual Veiga, Danza do Sabre de Katchaturia e Música de cine de John Williams.

Os concertos didácticos vanse levar a cabo nos colexios do CRP Divina Pastora, Virxe da Soidade, Sagrado Corazón, Albeiros, A Milagrosa, Anexa, Illa Verde, Maristas, A Ponte, no CEE Santa María, no San José, Casás, Luis Pimentel, Quiroga Ballesteros, Menedez Pelayo, Fingoi nº2, Rosalia de Castro, Manuel Mallo Mallo, e nas Mercedes.

Visto o éxito acadado nas dúas edicións anteriores, resérvanse os días 10 e 11 de xuño para primaria e os días 19, 20 e 21 de xuño para Secundaria no Auditorio Municipal Gustavo Freire, para concertos dirixidos a colexios que o solicitaron da provincia de Lugo coa idea de que outros nenos e nenas que non dispoñen de Escola Municipal de Música poidan coñecer os instrumentos e melodías clásicas dirixidas a súa idade segundo explicaron Rosendo Ivorra e Armando Morales.

Noticias relacionadas