O Concello de Lugo organiza un completo programa para a celebración do Día Europeo das Linguas

Venres, 18 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Por vez primeira Lugo celebra o Día Europeo das Linguas que terá lugar o próximo venres 25 de setembro na Casa das Linguas situada na Estrada da Granxa. O programa de actos deste evento foi presentado esta mañá pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre.

Os actos comezarán ás 12 da mañá e neles participará o Alcalde, o presidente da Deputación e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, e representante da RAE, Darío Villanueva, entre outros. Contarase ademais cun representante da USC, director da Escola de Linguas modernas, directora da Escola de Idiomas e o subdelegado do Goberno.

A Concelleira de Benestar Social explicou que “se pretende que sexa unha xornada de portas abertas na que todos os lucenses teñan a oportunidade de achegarse a Europa a través da práctica dos diferentes idiomas da UE e coñezan ademais este novo centro municipal”.

Logo do acto institucional no que se practicarán diversas linguas europeas, haberá cine para nenos, grupos de lectura e cine para adultos coa proxección do filme Nights on earth de Jim Jarmusch en 5 linguas: inglés, francés, italiano, finlandés e español.

Sonia Méndez afirmou que Europa posúe un auténtico tesouro lingüístico: ás 23 linguas oficiais da UE súmanse os idiomas de máis de 60 comunidades e para dar a coñecer esta inmensa riqueza a Unión Europea e o Consello de Europa decidiron en 2001 organizar o Día Europeo das Linguas. “A celebración pretende axudar aos cidadáns a apreciar a importancia de aprender idiomas, dar a coñecer todas as linguas faladas en Europa e fomentar a aprendizaxe do idioma a calquera idade”, indicou.

Un dos obxectivos do Día Europeo das Linguas é pór de manifesto cómo e porqué o multilingüismo é un dos valores clave en Europa.

O dominio dos idiomas permite á cidadanía achegarse a Europa, beneficiarse da súa diversidade cultural e mellorar considerablemente as perspectivas profesionais.

A Concelleira de Economía e Emprego afirmou que “desde o Concello de Lugo cremos que os nosos nenos e nenas, os mozos e mozas e os adultos non podemos quedar atrás na aprendizaxe dos idiomas, como paso previo para ser máis competitivos en Europa”.

“Consideramos de interese trasladar estes actos á Casa das Linguas e que se constitúa como o símbolo da diversidade lingüística e a integración de todos os pobos da UE”, explicou.

Casa das Linguas

Multimedia

Noticias relacionadas