O Concello de Lugo organiza un completo programa festivo para celebrar o Día Internacional dos Maiores

Martes, 02 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores que conmemora desde 1990 a ONU, o domingo 28 de setembro, terá lugar a Festa dos Maiores organizada polo Concello de Lugo. Segundo explicou a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, “estes actos festivos buscan servir de xornada de convivencia entre os maiores e ofrecerlles actividades de lecer adaptadas aos seus gustos”. A festa terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos entre as 11:00 e as 19:30 horas.

A cita dará comezo coa celebración da recepción oficial por parte da Concelleira de Muller e Benestar Social, que abrirá o programa da festa que se prolongará ao longo de todo o día coa realización dunha mostra de oficios e xogos tradicionais, entre outras actividades.

Ás 13:30 horas celebrarase o xantar, cun menú de 9 euros composto por entrantes, empanada, polbo a feira, carne ao caldeiro con cachelos, pan, viño, auga, refrescos, postre e café. A sobremesa estará amenizada polo humorista Tito de Vega, que actuará a partir das 15:30 horas. A sesión de baile dará comezo ás 16:30 horas co repertorio da Orquestra Fantasía, que tocará ata as 19:30 horas cando se producirá a clausura da xornada.

As inscricións deberán realizarse a través dos boletíns de inscrición dispoñibles nos centros sociais municipais, entre o 4 e o 10 de setembro. Os requisitos para poder asistir a esta festa é ser maior de 60 anos e estar empadroado en Lugo. O día da celebración haberá un servizo de autobuses dende os cinco centros sociais municipais e dende a zona rural.

Basadre afirmou que “estou encantada de organizar esta festa porque os nosos maiores se merecen un día adicado a eles, ademais agradéceno coa súa asistencia masiva e son felices”.

Noticias relacionadas