O Concello de Lugo organiza un completo programa de actos para celebrar o Día Internacional das Mulleres

Mércores, 04 de marzo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou o programa elaborado polo seu departamento para conmemorar o Día Internacional das Mulleres, un programa de actos que se alongará ata o luns 16 de marzo.

Trátase, como explicou, de actividades feitas por mulleres pero dirixidas a todo o público “para reivindicar a igualdade entre homes e mulleres, que é a finalidade destas actuacións”. “Unha igualdade que ainda está por acadar e que é unha necesidade de xustiza social que requiren uns cambios profundos de atitudes e de mentalidade das persoas e tamén das institucións”.  A Concelleira lembrou que “dende o Concello temos a votande de levar a cabo políticas transversais dentro do II Plan de Igualdade para o que estamos xa a formar aos funcionarios que traballan nas diferentes áreas para aplicar as medidas de igualdade”.

O día 6, venres, arrincarán os actos do programa coa entrega dos premios Entre Mulleres. A cita será ás 12:30 horas no Salón de Plenos do Concello. Nesta ocasióna as homenaxeadas serán a judoka lucense Sara Álvarez e a teceira Carmen Rodríguez Álvarez.

Ese mesmo día, abrirase ao público o mercado romano de mulleres artesás que estará ata o domingo 8 de marzo na Praza Maior.

O domingo repetirase a tradicional marcha pola igualdade, que chega á súa sexta edición dando, como é tradicional, dúas voltas pola muralla en colaboración coa Concellería de Deportes. Estará animada por pandereteiras e cantareiras de Cantigas e Flores. Esta marcha sairá ás once e media da mañá da praza Maior e rematará á unha cunha chocolatada con produtos do comercio xusto. A Banda Municipal de Música ofrecerá nese momento un concerto no templete da Praza Maior adicado ás mulleres.

O programa chegará ao seu final o día 16 cunha Xornada da Muller Xitana: pasado, presente e futuro que terá lugar a partir das 16:30 horas no Centro Social Uxío Novoneyra en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano de Lugo.

Balance Casa da Muller
A Concelleira de Muller e Benestar Social aproveitou para facer balance das atencións realizadas na Casa da Muller do Concello de Lugo. No ano 2008 foron un total de 1.275 persoas atendidas, o que supón un incremento das cifras en relación aos anos anteriores, 1.240 no 2007 e 1.213 no 2006.

Do total de atencións 961 foron persoais, 257 por teléfono e 57 a través doutros mecanismos. A Concelleira resaltou que 291 mulleres que demandaron os servizos da Casa da Muller viven no rural, mentras que 984 na área urbana do Concello. Acudiron por primeira vez a consulta 439 mulleres e 836 estiveran xa con aterioridade. Destas mulleres sufriron malos tratos 171 mulleres, frecuentemente 780 e 324 nunca. A Concelleira indicou que segundo os datos da Casa da Muller, foron 470 as que presentaron denuncias por malos tratos unha vez e 9 mulleres por sufrilos varias veces.

Basadre indicou que o maior número de mulleres que acuden ao servizo van dos 26 aos 45 anos que suman 805 mulleres, pero tamén resaltou as 91 mulleres maiores de 56 anos e as 46 mozas menores de 20 que acudiron á Casa da Muller.

Por outra banda, en canto ao seu estado civil a maioría das usuarias son mulleres casadas, seguidas polas separadas e solteiras. En relación aos seus ingresos a maioría sitúanse entre os 301 euros e os 900 euros mensuais, pero destaca que hay 121 mulleres que cobran máis de 901 euros.

As traballadoras deste centro municipal atenderon 4.095 consultas das que 1.434 foron xurídicas, 1.084 sociais e 1.577 psicolóxicas.

Multimedia

Noticias relacionadas