O Concello de Lugo organiza un ano máis o Día do Emprendemento

Martes, 06 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentou os actos que o Concello de Lugo organiza con motivo do día do Emprendemento que terá lugar o vindeiro día 15 de maio.

Nesta actividade, que se celebra por terceiro ano no edificio do CEI-NODUS, participan ademais do Concello, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación CEL, a Cámara de Comercio e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo.

Sonia Méndez presentou un completo programa de actividades e relatorios que terán lugar o vindeiro día 15 de maio a partir das 9:00 horas.

Ás 9:30 dará comezo o primeiro relatorio “Quero ser emprendedor: cóntame a túa historia” a cargo de emprendedoras e emprendedores de éxito.

Participarán nesta mesa redonda:
Guillermo Martínez, xerente de “Casa Grande de Xanceda”; Nuria Varela Portas de Orduña, xerente de “Pazo de Vilane”; Sergio Horacio Quiroga Rivero, xerente de “Ecocelta”; David Calvo Fernández, xerente de “Alabaja.com”; Iago Soto Mata, socio fundador de “Quobis Networks, S.L.” e Jorge Sierra, socio fundador de “Hoopshype.com”. Será moderadora María Ángeles López Cabarcos, Profesora do departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC.

Ás 12:30 comezará a segunda intervención a cargo do presidente executivo de Blusens, José Ramón García, un dos emprendedores galegos máis versátiles no sector das novas tecnoloxías.

Xa pola tarde o programa inclúe un relatorio sobre as mulleres emprendedoras, co nome O espertar das emprendedoras, a cargo de Loreto Fernández, profesora da Área de Economía Financeira e Contabilidade e directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora. Tamén intervirán Eva López Barrio, directora de Woman Emprende da USC, Yohanna Lemos González promotora de Inbiogal, S.L. e Ana Castro López, promotora de Casa de Baixo.

Ás 18:30 comeza a conferencia A variña do éxito empresarial, da man de José Luis Briones Ramos, Director Xeral de Alquimia Emprendedora, S.L.

Unha hora mási tarde será a clausura cun recoñecemento á primeira promoción emprendedora saínte do viveiro de empresas CEI-NODUS.

A Concelleira de Economía e Emprego salientou a importancia de traballar en equipo polo emprendemento “poñemos en común o noso traballo para que ningunha idea quede sen realizarse”.

O Concello de Lugo, pon un ano máis as instalacións municipais do CEI-NODUS situadas no cuartel de Garabolos a disposición do emprendemento e das novidades empresariais. Este ano, por primeira vez, as distintas institucións que apoian a iniciativa, organizan conxuntamente esta xornada. Todos os responsables destacaron a importancia de traballar en equipo para sacar adiante os proxectos.

No acto de presentación estiveron o vicerreitor de Coordenación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, o presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, o vicepresidente da Cámara de Comercio, Eduardo Núñez Torrón, e o vicepresidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, Rubén López.

Noticias relacionadas