O Concello de Lugo organiza diversas actividades con motivo do Dia do Libro

Martes, 23 de abril de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Dende a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, presentáronse as actividades que se van levar a cabo con motivo do Día Internacional do Libro que se celebra o 23 de abril. Así, mañá martes 23 de abril entre as 17:30 e as 20:00 horas farase unha lectura pública colectiva da obra Cantares gallegos de Rosalía de Castro na Praza Maior.

Tamén pola tarde elaborarase un “cadaver exquisito” en homenaxe á Rosalía de Castro co ánimo de unir dúas datas tan sinaladas para os amantes da lectura como son o Día do Libro e as Letras Galegas polo que, entre ambas datas, todas as persoas que o desexen poderán escribir un parágrafo desa historia. Ésta é unha técnica usada polos escritores surrealistas en 1925, e baséase nun xogo de mesa chamado “consecuencias” no que os xogadores escribían por turno nunha folla de papel, doblábana para cubrir parte da escritura, e despois pasábanlla ó seguinte xogador para outra colaboración.

Casa da Xuventude
Con este motivo na Casa da Xuventude organizase unha serie de actividades coas que se quere contribuír ao achegamento do libro e a lectura á xuventude ademais de converter o centro nun espazo de encontro cultural.

Desta maneira, o martes 23 de abril de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 será xornadas de portas abertas para que se acheguen a Casa da Xuventude todas aquelas persoas que teñan interese en coñecer a instalación municipal. Ademais, durante toda a tarde haberá diversos xogos como o de Érase unha vez… no que a través de cartas os xogadores irán inventando unha historia pero levando o relato cara o final de tal forma que coloquen todas as cartas de narración antes de empregar a carta final, que debe cerrar coherentemente a historia. Na Casa da Xuventude tamén se confeccionará un mural de caligramas no que poden participar todas as persoas que o desexen.

Mañá tamén se levará a cabo unha visita guiada á Biblioteca Provincial ás 18:00 horas e na Biblioteca Municipal haberá unha sesión de contacontos ás 19:00 horas.

Noticias relacionadas