O Concello de Lugo oferta 182 actividades socioculturais para os meses de outono e o primeiro semestre do 2010

Mércores, 09 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* Máis de 2.100 persoas participaron nas actividades de verán organizadas pola Concellería de Benestar Social e Igualdade

Como cada ano ao remate do verán o Concello xa está a preparar as actividades para os meses de outono e o primeiro semestre do 2010.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou a completa programación de actividades socioculturais deseñada pola súa Concellería e que se desenvolverán nos distintos Centros Sociais Municipais entre o 14 de outubro e o 30 de xuño de 2010.

Ofrécese unha importante variedade de actividades, que este ano ascende a 182 e son de moi diversa temática, pero todas coa finalidade común: de ofrecer aos lucenses un tempo de lecer que compaxine o carácter lúdico coa formación práctica en materias diversas como as manualidades, a informática, os idiomas, danzas tradicionais ou disciplinas ximnásticas, entre outras.

Para a nova tempada ofértanse máis de 3.000 prazas e os interesados poderán inscribirse nos cursos que desexen do 14 ao 18 de setembro, entre as 9:00 e as 13:00 horas e das 17:00 ás 19.00 horas, nos centros de convivencia municipais onde se realizan as actividades. As prazas adxudicaranse por sorteo público que se celebrará o día 24 de setembro en cada un dos Centros Sociais Municipais e a lista definitiva publicarase o 7 de outubro.

A Concellería de Muller e Servizos Sociais reserva o 40% das prazas para persoas con diversidade funcional e outros colectivos derivados dos servizos sociais de atención primaria.

Ademais dos cursos, a programación sociocultural inclúe distintas actividades de carácter aberto como: aulas abertas, xornadas de teatro, exposicións, a comida do entroido, xornadas intelectuais e excursións, así como distintas conferencias e mesas redondas sobre temas de actualidade que se irán convocando con distinta frecuencia en cada centro.

O prezo máximo das actividades é de 20 euros, aínda que son moitas as ofertas de actividades de balde, en especial as dirixidas aos nenos e as de carácter social, como todos os cursos de memoria para maiores, coidado da saúde, español para estranxeiros e os de alfabetización.

A Concelleira destacou que “este ano, entre as novidades, contamos co novo centro Maruja Mallo no que os usuarios poderán realizar un bo número de actividades ademais de contar cos servizos específicos que ofrece o centro: aulas polivalentes, ocioteca, sala de exposicións, salón de actos, biblioteca…” Basadre resaltou actividades novidosas como camiños de papel e tinta, fotografía, vídeo e novas tecnoloxías, cine de barrio, repostería, maquillaxe e guías da cidade.

Os máis cativos tamén terán un amplo abano de actividades nos que elixir: como cursos de bailes e coreografías, karaoke, xadrez, sobre a natureza (como a reciclaxe), de arte e manualidades, e de orientación máis práctica como os cursos de apoio escolar, de técnicas de estudo, ou de inglés, entre outros.

Para as persoas maiores deseñouse un variado programa de actividades específicas relacionadas co adestramento da memoria, a lectura e a escritura e disciplinas deportivas adaptadas a súa capacidade física (como a bioximnasia ou o tai-chi).

Balance verán
A Concelleira aproveitou a súa comparecencia ante os medios de comunicación para facer balance das actividades de verán organizadas pola súa Concellería. Durante os meses de verán participaron nas aulas abertas e nas ociotecas máis de 1.500 nenos e nenas, o que lles permitiu ás familias a conciliación da vida laboral e persoal. Basadre explicou que “en total foron máis de 2.100 persoas as que realizaron actividades este verán”

Preto de Ti
Por outra banda a Concelleira presentou un novo proxecto promovido pola Casa da Muller do Concello de Lugo para potenciar a igualdade entre mulleres e homes denominado Preto de Ti. Con esta iniciativa preténdense a colaboración e asesoramento a asociacións de mulleres da cidade que nace para dar resposta ás dúbidas e inquietudes das Asociacións de Mulleres en temática relacionada coa xestión do asociacionismo, accións de sensibilización e formación en materia de igualdade, prevención en materia de igualdade e violencia de xénero.

As accións que se van a levar a cabo:

- Obradoiro formativo sobre a Xestión de Subvencións e elaboración de proxectos e memorias no Centro de Convivencia Maruja Mallo o 11 de setembro das 10.30 ás 12.30 horas.

- Un curso de formación sobre violencia de xénero dirixido a educadoras sociais no Centro de Convivencia Maruja Mallo do 26 ao 30 de outubro das 9:00 ás 11:00 horas.

- Cine de Barrio coa temática muller e igualdade que terá lugar no Centro de Convivencia Díaz Castro o 22 de outubro ás 19:00 horas, e no Centro Social de Bóveda o 26 de outubro ás 19:00 horas.

- Unha xuntanza de presentación dos bancos do tempo, do seu funcionamento no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra o 6 de novembro ás 19:00 horas.

- Unha charla informativa sobre a sensibilización en materia de igualdade e o coidado da perspectiva de xénero na linguaxe no Centro de Convivencia Maruja Mallo o 21 de Janeiro das 11:00 ás 13:00 horas.

- Unha charla informativa sobre o Autoemprego en feminino, as axudas, a procura de financiamento e o plan de empresas no Cei-Nodus o 2 de febreiro de 11:00 a 13:00 horas.

Multimedia

Noticias relacionadas