O Concello de Lugo mellora a xestión da recadación municipal cun contrato de colaboración que incrementará a súa eficacia

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación que terá unha duración dun lustro e un custo aproximado dun millón de euros anual.

Mércores, 09 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo mellora a xestión da recadación municipal cun contrato de colaboración que incrementará a súa eficacia

O Executivo de Lara Méndez incrementará a eficacia da recadación municipal, mellorando, alén, a xestión deste servizo.

A tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno autorizou esta mañá a adxudicación á empresa Gestión Tributaria Territorial SAU dun contrato para este cometido, que terá como finalidade cooperar coa área económica do Concello na recadación de tributos, en período executivo, así como das multas de tráfico e das sancións derivadas do incumprimento das medidas de prevención e contención da crise sanitaria, logo de recaer esta función nas entidades locais.

Esta adxudicación terá unha duración de cinco anos, improrrogables, para colaborar cos servizos municipais na comprobación de documentos, na elaboración, control e seguimento de expedientes e do pago da débeda en todas as fases de xestión do proceso de recadación executiva e de recadación de multas.

A empresa deberá dispensar, alén, atención e información ás e aos contribuíntes, “dando así un servizo integral que redunde non só na institución senón tamén na veciñanza” - segundo recoñeceu Paula Alvarellos - aportando un equipo humano integrado por 11 persoas, con tres técnico/as e oito traballadore/as administrativas.

Cun importe anual de aproximadamente 1 millón de euros, este contrato permitirá ao Concello recadar até un 70% máis do que implica o seu custo.

Noticias relacionadas