O Concello de Lugo mellora a eficacia da inspección tributaria municipal en prol dunha maior equidade fiscal

O goberno de Lara Méndez impulsa a contratación dunha asistencia técnica para incrementar o control sobre as actividades económicas asentadas no municipio.

A Xunta de Goberno aprobará esta semana os pregos da colaboración que terá unha duración de tres anos, prorrogable por dous máis.

Lara Méndez: “Nesta etapa da tanta incerteza o cobro dos impostos municipais, que supoñen o 60% dos nosos ingresos, deben quedar garantidos como base de financiamento das políticas sociais”.

Na sesión deste mércores validaranse tamén as bases do procedemento de adxudicación da xestión recadatoria municipal.

Martes, 18 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo mellora a eficacia da inspección tributaria municipal en prol dunha maior equidade fiscal

Acadar a igualdade e a progresividade fiscal

Con este obxectivo o goberno de Lara Méndez pretende darlle impulso á inspección tributaria coa contratación dunha colaboración que axude aos servizos municipais nas tarefas de vixilancia, aumentando o seu rendemento e facendo aflorar a economía mergullada, combatendo a fraude.

Un aspecto fundamental – segundo sinalou a alcaldesa - “que no contexto social no que nos atopamos ten máis transcendencia ca nunca, en tanto o cobro dos impostos municipais supón o 60% dos nosos ingresos e o sustento fundamental co que debemos afrontar a recuperación do municipio nunha etapa de gran incerteza económica na que – lembrou – habilitamos diferentes axudas para os sectores máis afectados pola pandemia pero todas con recursos propios xa que, en todo este tempo, non recibimos nin un só euro doutras administracións para paliar as consecuencias da Covid”.

“Dende a administración local queremos seguir sendo o principal apoio das familias lucenses, especialmente daquelas nas que a crise sanitaria deixou nunha situación de maior vulnerabilidade, por iso precisamos ter garantidos os ingresos municipais, a través da recadación local, como principal ferramenta de financiamento das políticas socias do Concello”, afirmou Lara Méndez.

“Trátase pois, dunha cuestión de subsistencia financeira pero tamén de xustiza fiscal, velar porque as grandes empresas tributen, verdadeiramente, polos ingresos que perciben. Unha competencia recollida nas Ordenanzas locais e que pretendemos exercer con eficacia dotándonos daqueles recursos que están á nosa disposición e que permitirán que todas e todos, cidadanía e tamén tecido produtivo, contribuïamos, na medida que nos corresponde, a saír reforzados da crise que nos afecta” .

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local validará este mércores os pregos elaborados pola área de Tesourería para habilitar unha asistencia técnica, material e informática en materia de inspección tributaria municipal que desenvolverá tarefas de apoio nos procedementos de xestión, sanción, resolución de recursos e na notificación levados a cabo polo Concello.

“Facendo especial fincapé – segundo sinalou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos - sobre o ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras), o IAE (Imposto de Actividades Económicas) e a taxa por aproveitamento especial do solo, subsolo ou voo da vía pública para garantir que as empresas explotadoras de servizos de subministración tributan realmente co 1’5% dos ingresos brutos da facturación que obteñen anualmente dentro do termo municipal”.

Este contrato de servizos, comprenderá a realización de actuacións preparatorias ou de comprobación, así como o desenvolvemento de traballo de campo e toma de datos.

A concelleira abondou que, entre as tarefas que deberá asumir a empresa adxudicataria, figura tamén a asistencia na confección do Plan de Inspección dos diferentes tributos dos que se nutren as arcas locais, así como a xeración do ficheiro de intercambio da información censal coa Axencia Estatal da Administración Tributaria correspondente ao IAE, “dando cobertura, de maneira global, a todos os feitos impositivos que se constitúen como base de ingresos de dereito público que nos atinxe recadar”.

“O contrato terá unha duración de tres anos, prorrogables en períodos anuais por outros dous até un máximo de cinco, nos que a empresa deberá, ademais, aportar o seu propio equipo de recursos humanos integrado, como mínimo, por un xefe ou delegado responsable, un técnico e un auxiliar administrativo así como aportar o local onde desenvolverán as súas funcións”, indicou Paula Alvarellos.

A responsable da área económica cuantificou que a licitación terá un custo de 282.000 euros anuais, “aínda que o servizo prestado terá unha remuneración variable en función da débeda tributaria cobrada, que se prevé liquidar e que se sitúa en torno aos 3,5 millóns de euros.

“Cartos que poñeremos, a continuación, ao servizo da sociedade a través de prestacións que atenden ao interese xeral e que posibiliten que, a pesar da situación que atravesamos, ninguén quede atrás por falta de recursos públicos”, sostivo Alvarellos Fondo.

Apertura do procedemento de contratación para a xestión recadatoria municipal en período executivo

Nesa mesma liña, a concelleira de Gobernanza adiantou, tamén, que na sesión desta semana o executivo local aprobará a apertura do procedemento de contratación para a xestión recadatoria municipal en período executivo, así como a xestión das multas de tráfico e das sancións derivadas do incumprimento das medidas de prevención e contención da crise sanitaria, logo de recaer esta función - a criterio do Consello Consultivo de Galicia e en contra dos informes da Avogacía do Estado - nas entidades locais.

Esta adxudicación terá unha duración de cinco anos, improrrogables, para colaborar cos servizos municipais na comprobación de documentos, na elaboración, control e seguimento de expedientes e do pago da débeda en todas as fases de xestión do proceso de recadación executiva e de recadación de multas.

A empresa deberá dispensar, alén, atención e información ás e aos contribuíntes, “dando así un servizo integral que redunde non só na institución senón tamén na veciñanza” - segundo recoñeceu Paula Alvarellos - aportando un equipo humano integrado por 11 persoas, con tres técnico/as e oito traballadore/as administrativas.

Cun importe anual de 1’3 millóns de euros, este contrato permitirá ao Concello recadar até un 70% máis do que implica o seu custo.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a inspección fiscal e recadación | Descargar mp3
  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a inspección fiscal e recadación | Descargar mp3

Noticias relacionadas