O Concello de Lugo mantén a prestación dos servizos municipais pese as novas restricións da pandemia

As principais limitacións afectan aos eidos cultural e deportivo e obrigan ao peche ao público dalgunhas instalacións.

Algunhas das actividades programadas polas diferentes concellerías sufrirán cambios para adecuarse ao novo escenario da pandemia.

 
Mércores, 27 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo mantén a prestación dos servizos municipais pese as novas restricións da pandemia

Tralas novas restricións adoptadas para frear a propagación do Coronavirus, o Concello de Lugo informa que os servizos municipais se manteñen pese a que algunhas das instalacións deben permanecer pechadas.

As limitacións afectan principalmente ao eido cultural e deportivo onde foi suspendida practicamente o total da actividade.

Dende a Administración Local lémbrase á cidadanía que as dependencias da Praza Maior e do Edificio Administrativo do Seminario contiuarán abertas e que só se poderá acceder ás mesmas en horario de mañá, baixo estritos controis de acceso e aforo e logo de solicitar cita previa a través do 010 para poder acudir aos respectivos servizos.

DEPORTES. Peche ao público de todas as dependencias.

Dende a área de Deportes, infórmase de que durante as próximas semanas todas as instalacións municipais habilitadas para a práctica deportiva na cidade quedarán pechadas ao público de maneira que a súa utilización queda restrinxida exclusivamente aos usos autorizados pola Xunta entre os que se atopanos clubs que participen en ligas federadas a nivel nacional que manteñan competicións.

BENESTAR SOCIAL. Os Centros Cívicos manteñen a atención cidadá que será preferentemente telefónica e baixo cita previa. A programación lúdica continúa suspendida.

Dende a área de Benestar Social, sinálase que os centros sociais continuarán pechados, como ata o de agora, para a convivencia comunitaria de maneira que seguen sen impartirse actividades grupais e/ou lúdicas. Tamén seguen pechados ao público as salas de lectura e de lecer. Porén os Centros están abertos para a atención cidadá, sempre con cita previa e preferentemente telefónica aínda que naqueles casos que sexa preciso se realizará de forma presencial.

Igualmente permanece habilitado o servizo Acompañámoste dirixido á terceira idade e aos menores en situación de vulnerabilidade a través do cal o Concello de Lugo realiza un seguimento telefónico diario e en diferentes franxas horarias, que contarán con soporte técnico para aqueles casos nos que se detectan necesidades específicas que requiran accións concretas. Unha atención que se reforzará cun servizo de acompañamento por parte de voluntarios, que estarán cos maiores cunha periodicidade mínima de dous días á semana, incluída a zona rural. Ademais de poder axudarlles nos seus recados e facilitar a compra na casa, se lles prestará asesoramento para trámites con distintas administracións e información sobre recursos dispoñibles segundo as necesidades detectadas.

En canto ao Fogar do Transeúnte a área de Benestar traslada que mantén as súas prestacións e que se dará cobertura á demanda que poida xurdir.

MULLER, IGUALDADE E XUVENTUDE. A Casa da Xuventude e a Casa da Música pechan as súas portas aínda que se mantén a atención cidadá, preferentemente telemática e sempre baixo cita previa.

Do mesmo xeito, a Casa da Xuventude e a Casa da Música están obrigadas a pechar ao público aínda que se mantén a atención á mocidade que se realizará de forma telefónica.

As asesorías psicolóxicas e xurídicas e a atención na Casa da Muller – considerada servizo esencial - se realizan segundo o previsto e cos mecanismos xa establecidos dende o inicio da pandemia.

MEDIO AMBIENTE. Os parques e xardíns continúan abertos. Se instalarán cabinas de aseo portátiles e se mantén o servizo de recollida de lixo a domicilio para persoas confinadas.

En canto ás zonas públicas da cidade, como parques e xardíns, dende a área de Medio Ambiente se traslada que todos estes espazos permanecerán abertos ao uso da cidadanía aínda que se insta á poboación a acatar as limitacións autonómicas en canto á súa utilización de maneira individualizada ou coa compañía dun único convivente así como a manter as pautas de hixiene e a empregar tanto á máscara como solucións hidroalcohólicas desinfectantes tralo contacto co mobiliario urbano como poden ser os elementos de xogo ou os circuítos biosaudables.

Igualmente, procederán a instalarse unha ducia de cabinas sanitarias en distintos puntos da cidade, a meirande parte delas adaptadas a persoas con mobilidade reducida, dando resposta, deste xeito, a unha demanda veciñal xurdida polo peche dos locais de hostalaría.  Dotacións que serán aseadas e desinfectadas, tanto interior como exteriormente, dúas veces ao día cunha unidade móbil que fará unha limpeza con vapor, chorro a presión e reposición de tódolos materiais que contén como auga, xabón, papel hixiénico e mesmo ambientador.

Así mesmo, ás persoas que deban permanecer confinadas seguen a dispoñer dun servizo especial de recollida de lixo a domicilio. Un dispositivo que ten como obxetivo frear a propagación da pandemia tanto entre a cidadanía como entre o persoal que se encarga da retirada e tratamento dos residuos. Pode solicitarse a través da Policía Local, facilitando os seus datos persoais e é totalmente gratuíta.

CULTURA. Adiamento das actividades culturais e Entroido Telemático.

Toda a actividade cultural prevista no Auditorio Municipal durante os días que duren as novas restricións será reprogramada. Unha vez se autorice a reapertura das instalacións culturais, publicarase a nova data de todas as actividades afectadas.

A área de Cultura continúa a aposta pola cultura segura, e nos vindeiros días avanzará programación para un Entroido con actividades telemáticas.

Pola súa banda, a Escola Municipal de Música permanecerá pechada mentres que as Escolas Infantís Municipais manterán a súa actividade, aplicando estritamente os protocolos elaborados para as distintas instalacións.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ. Adaptarase a Praza e o Mercado aos novos horarios de Apertura.

A Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros adaptarán o seu horario á nova limitación de apertura deste tipo de instalacións seguindo as directrices marcadas pola Xunta do mesmo xeito que o Mercado de Frigsa, que se adaptará ás directrices decretadas.

Xa para concluír, todos os servizos manterán o seu horario habitual e sinálase que o persoal municipal pode acollerse ao teletraballo, sempre e cando as dinámicas do departamento ao que pertencen o permitan e quede garantido o servizo público á veciñanza.

Noticias relacionadas