O Concello de Lugo inviste máis dun millón de euros na axuda a domicilio

Luns, 03 de novembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, expresou hoxe en rolda de prensa os desexos do equipo de Goberno para “poder manter e incluso aumentar os servizos que podemos ofertar en materia de servizos sociais, por iso presentamos uns orzamentos que pensan nas persoas e na cidade”. A proposta que fai agora o equipo de Goberno incrementa un 40% o gasto social e o fomento do emprego.

Por outra parte a Concelleira explicou que nas ordenanzas que se presentan esta tarde na sesión ordinaria do Pleno búscase beneficiar ás familias con menos recursos económicos coa conxelación do Servizo de Axuda no Fogar e a comida no fogar, así como coa aplicación de exencións ata un 70% do IPREM no SAF, no servizo de comida a domicilio e nos centros de día (no SAF quedan exentos o 53% dos usuarios e nos centros de día o 25%). Hai que ter en conta que o Concello está a espera da regulación pola Vicepresidencia de Benestar da Xunta de Galicia das tarifas reguladoras para adaptarse a estas de xeito inmediato ou, incluso, de ser posible legalmente, antes da aprobación definitiva da orde de vicepresidencia.

A Concelleira recordou que o servizo de axuda a domicilio adxudicouse á Cruz Vermella por 1.047.069´48 euros e contempla unha atención a domicilio durante un ano de 67.386 horas cos seguintes prezos:

- 15´28 euros a hora ordinaria
- 17´48 euros a hora extraordinaria
- 17´33 euros a hora nocturna.

Basadre explicou que “no ano 2008 o total de horas foron de 39.813 polo que para o ano 2009 case duplicamos as horas no servizo tendo en conta as resolucións dos usuarios da Lei de Dependencias”.

Durante os nove primeiros meses do 2008 houbo 100 solicitudes novas para o servizo de axuda a domicilio, das que foron concedidas 99. Neste período atendéronse a 1.038 usuarios que pagaron entorno a un euro de media por beneficiarse deste servizo. Hasta setembro o Concello pagou 412.213´48 euros e os usuarios 24. 969´10 euros.

Por outra banda adxudicouse a UCALSA o servizo de comida a domicilio  por un total de 111.111´20 euros anuais a 5´70 euros por menú, dos que o usuario paga de media entorno aos 50 céntimos. Segundo estas cifras aportadas pola Concelleira chegaríanse a servir un total de 19.616 comidas. Neste momento o servizo conta cuns 26 usuarios e para o ano 2009 calcúlase que se poderá chegar aos 53 usuarios.

Segundo Basadre, “a meta deste equipo de Goberno é contar cada vez cun maior orzamento para poder ofertar este tipo de servizos”.

Noticias relacionadas