O Concello de Lugo investiu nos últimos sete anos máis de tres millóns de euros en infraestruturas para o Ceao

Venres, 08 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, indicou esta mañá en rolda de prensa que o equipo de Goberno investiu máis de 3.000.000 de euros no polígono do Ceao nos últimos sete anos.

Piñeiro explicou que están constantemente a levar a cabo actuacións para mellorar o polígono, pero que costarían moitos cartos poñelo nas condicións que se merecen porque “os gobernos anteriores deixárono a un lado e deteriorouse enormemente, polo que agora é moito máis complicado arranxalo”.

O Concelleiro indicou que o grupo de Goberno encargou un estudio de todas as necesidades que require o polígono e que suman un investimento de 21 millóns de euros. “Fixemos bastantes xestións para intentar levar adiante este proxecto coa Xunta de Galicia nun plazo de entre 3 e 5 anos pero a resposta nunca foi favorable”.

“Desde que o equipo de López Orozco chegou ao Goberno Local todos os anos realizáronse actuacións de mellora no Polígono”, e engadiu “ano tras ano realizamos investimentos no Ceao mellorando viais ou zonas de aparcamento”.

O Concelleiro resaltou que se está a finalizar un proxecto de 630.000 euros financiado polo Fondo estatal de Investimento Local, que supuxo unha importante mellora nun tramo da Rúa da Industria. Con esta actuación “pensada para o futuro” levouse a cabo a mellora dos viais e retirouse a mediana para que os vehículos podan circular con facilidade. O Concelleiro anunciou que se está a estudar con Begasa a posibilidade de soterrar a liña de media tensión nesta importante Rúa do Polígono.

Piñeiro indicou que, ao igual que noutros barrios da cidade, estase a traballar constantemente para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas da cidade, polo que neste últimos 10 anos investíronse máis de 98 millóns de euros.

Multimedia

Noticias relacionadas

<